Olalla Rodil esixe dimisións políticas por enchufar nun cargo público á unha familiar de López Abella

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O TSXG sentenciou abuso de poder creando unha praza ad hoc en contra do criterio do centro educativo, a Escola de Restauración de Pontevedra

O BNG reclamou á Xunta na Comisión parlamentaria de Educación que dirima responsabilidades políticas e aplique os ceses que correspondan despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditaminase que houbo abuso de poder por parte da Administración pública creando unha praza ad hoc para enchufar a unha familiar da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, na Escola de Restauración de Pontevedra.

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, explicou que a sentenza do alto tribunal anula a adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados de 2016, “praza concedida a unha familiar da secretaria xeral de Igualdade, que actuou de maneira torcida para colocala”.

Rodil relatou o modus operandi da Xunta para materializar este caso de enchufismo. “Creou unha praza a medida desa persoa que nin sequera fora reclamada pola propia escola, porque o obxectivo da Xunta non era atender as demandas do centro senón garantir un posto de traballo na función pública á cuñada da señora Abella. Para entendernos, unha cacicada”, recalcou.

Segundo recolle a sentenza, “a praza foi ofertada para que fose adxudicada á mencionada persoa cando non existe en Galiza esa especialidade, non é necesaria a mesma, nunca se impartiu na Escola correspondente e a súa incorporación causa graves trastornos á calidade da docencia e ao reparto de materias nos departamentos”.

Afondando neste argumento, o TSXG vai máis aló e sinala que a cuñada da secretaria xeral de Igualdade “integrouse de maneira anómala na función pública galega e con anterioridade xa fora incluída de maneira irregular na listaxe de persoal temporal da Consellaría de Educación da que foi excluída pola reclamación das persoas prexudicadas”.

“Un escándalo, unha cacicada absolutamente inadmisíbel sobre a que xa advertira a Valedora do Pobo, unha actuación ilegal, exemplo claro e flagrante de nepotismo, polo que desde o BNG exiximos a dimisión das persoas responsábeis”, concluíu Rodil sen obter compromiso algún por parte do secretario de Educación, Jesús Oitavén.

 

 

 
 
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG