A normativa que ultima Rajoy ve máis grave ter unha placa solar sen legalizar que un escape nuclear

O BNG pide a retirada do proxecto de real decreto que regula o autoconsumo eléctrico presentado polo Goberno central ao amparo da Lei 24/2013 do Sector Eléctrico, cunha alegación á totalidade que se suma ás 38.000 alegacións e 180.000 sinaturas presentadas contra esta iniciativa lexislativa que a deputada no Congreso, Rosana Pérez, cualificou como “a máis retrógrada” da UE e que Rajoy pretende aprobar antes das eleccións xerais.

Carme Adán e Rosana Pérez no Parlamento

“Condena ao sector das renovábeis, penaliza o autoconsumo e a produción para autoconsumo cando o español é un dos estados con maior dependencia enerxética, o terceiro coa tarifa eléctrica máis alta e con 1,8 millóns de persoas que sofren pobreza enerxética”, explicou a deputada nacionalista.

55.000 familias producen enerxía a través de placas solares fotovoltaicas, ao que hai que sumar as instalacións similares de granxas, de pequenas e medianas empresas, e de concellos que teñen aeroxeneradores eólicos. A todos eles, a proposta do Executivo central impón peaxes en forma de impostos, -pago de acceso ás redes de distribución e transporte e cargos asociados aos custes do sistema convencional-, que na práctica fan inviables o autoconsumo ou produción para autoconsumo.

O proxecto de real decreto, que xa se coñece como “imposto ao sol e ao vento”, impide “unha forma máis democrática, limpa e barata de producir enerxía e, por contra, encarece a factura da luz e penaliza o autoconsumo”, sintetizaba a portavoz parlamentaria de Industria na Cámara galega, Carme Adán.

Sancións desorbitadas

Ás peaxes en forma de impostos contra o autoconsumo, a proposta do goberno de Rajoy inclúe sancións “desorbitadas” que poden chegar ata os 60 millóns de euros. “Unha persoa que teña un placa fotovoltaica sen legalizar pode ser multada polo dobre que aquel que agoche un escape nuclear. Parece unha broma, pero é un exemplo claro de que este proxecto supón unha persecución á autoprodución e consumo de enerxía eléctrica”, subliñou Adán.

“O obxectivo é eliminar calquera competencia, por pequena que sexa, ás grandes compañías eléctricas e que estas sigan a engordar a súa conta de resultados”.

O BNG tamén denuncia a invasión de competencias deste proxecto estatal e o silencio de Feijóo, a quen reclama que paralice o real decreto e promova a colaboración da Xunta cos concellos para facilitar sistemas de produción e autoconsumo, en lugar de sucumbir á presión das grandes eléctricas, “que teñen a seu maior lobista no ministro de Industria, José Manuel Soria”, denuncia a deputada nacionalista no Congreso.

Coa alegación á totalidade do proxecto de real decreto, o Bloque pide a súa retirada e insta ao Goberno central a iniciar un diálogo cos sectores afectados, empezando polos consumidores e comunidades autónomas, para camiñar xusto no camiño marcado por Madrid, na dirección dun real decreto que impulse o autoconsumo e que os seus beneficios podan chegar ao conxunto da cidadanía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG