A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro con autónomos e pequenas empresas da zona de Verín para trasladarlle as propostas da formación que se levarán a cabo a partir do 12X. Presas apuntou que o polígono de Tamagos “está criando toxos” cando podería ser un polígono industrial con gran actividade “pola súa ubicación xeográfica”.
Durante o encontro, a cabeza de lista, acompañada polo candidato do BNG, Diego Lourenzo, escoitaron as problemáticas e as necesidades do sector empresarial. Presas comezou a súa intervención comprometéndose a blindar o pequeno comercio fronte ás políticas lesivas do PP nestes once anos de goberno onde se favoreceron ás grandes empresas.
Por outra banda, a cabeza de lista destacou a necesidade de revisar o marco fiscal para que o IRPF para as autónomas teña unha progresividade real para que “cada persoas pague en función do que obtén no seu negocio”. Asemade, destacou que “hai que abordar unha reforma do marco legal” cunha nova lei de protección do comercio galego e de proximidade” co obxectivo de impulsar o valor social do comercio en orixe.
“Necesitamos que infraestruturas que levan paradas 11 anos boten a andar coma o polígono de Tamagos . Non pode estando o traballo máis custoso como son as expropiacións feitas, o PP non desenvolveu esta parte tan importante de chan industrial nesta zona do país” destacou Presas. Asemade, continuou sinalado que “non podemos permitirnos que Verín e a comarca de Monterrei perdan oportunidades importantes de desenvolvemento cando ademais hai unha posición absolutamente estratéxica de cara a Portugal que tamén hai que aproveitar”.
Re industrialización e re equilibrio territorial
Desde o BNG entenden que Ourense e Monterrei “son unha prioridade” e comprométense a “xerar e activar a economía” nestas zonas. “Hai que apostar por desenvolver infraestruturas pendentes coma en Tamagos. Debería ser un dos eixos principais e un dos motores económicos fundamentais para a circunscrición de Ourense” sinalaron.