Parlamento Galego

Noa Presas: “A igualdade ten que ser unha prioridade en calquera axenda política os 365 días do ano”

Noa Presas no estrado
Noa Presas
  • A deputada reclamou medidas de conciliación, avaliar a lei de Igualdade e eliminar as axudas públicas a empresas con condenas por acoso    

A parlamentaria do BNG, Noa Presas  reclamou, a través dunha proposición non de lei, incluír  a igualdade como prioridade nas axendas de todas as forzas políticas, reforzar a conciliación e revisar a Lei de Igualdade co fin de introducir novas medidas eficaces contra a violencia de xénero. Por outra parte esixiu do goberno galego o compromiso de eliminar as axudas públicas ás empresas condenadas por acoso laboral ou sexual as súas traballadoras.

Hai máis de cen anos, explicou,  que esta data simboliza a loita incansábel de moitas mulleres e colectivos de mulleres que foron ocupando espazos e conseguindo dereitos de forma que todas as que estamos aquí presentes poidamos gozar, aínda sendo insuficiente, dunha serie de conquistas e oportunidades que sen o esforzo de todas elas sería impensábel. “Para todas elas, as que foron, as que son e as que serán, o noso recoñecemento desde o Bloque Nacionalista Galego”.

Para a deputada, a igualdade non se consegue só con enunciala, hai que poñer medios e recursos e non conformarse con titulares e declaracións institucionais. O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres é unha oportunidade para avaliar en que momento estamos e que cambios debemos introducir na lexislación para acadar unha “igualdade real e efectiva”.

Na defensa da iniciativa, Presas botou man dun informe elaborado polo Foto Económico Mundial que avalía indicadores en diversos países nós ámbitos da  educación, saúde, participación de oportunidades, salarios, e representación de mulleres nas estruturas de decisión, un informe, dixo do que o Estado español  sae “moi mal parado”.

Por outra parte, tamén fixo referencia o “Gender Gap Calculator”, aplicación que despois de introducir o xénero, Estado e aniversario estima os anos que che restan para acadar a igualdade, no meu caso, con 29 anos, acadaría a igualdade aos 199.

A parlamentaria  reiterou  a necesidade  de introducir novas medidas de conciliación  e avaliar a Lei de Igualdade. Segundo datos do  Consello Xeral do Poder Xudicial, “Galiza é a segunda comunidade despois da de Madrid na que máis demandas por problemas de conciliación se presentan” e onte mesmo o propio conselleiro de Política Social Xose Manuel Rey Varela  foi incapaz de   trasladar propostas sólidas en materia de conciliación,  “anuncian moito e executan pouco”,remarcou a nacionalista.

Do mesmo xeito que a violencia machista fai que nos cuestionemos os recursos e a mellora do noso marco legal, un marco legal que foi vangarda e moito máis avanzado que o equivalente estatal, temos que facer o propio coa lei de Igualdade porque “a desigualdade segue vixente” e coa escusa da crise comprobamos como van diminuíndo moitas conquistas nesta materia.

Finalmente, a deputada  afirmou que “o acoso sexual e o acoso por razón de sexo son un  vivo e grave exemplo  da violencia que sofren as mulleres no ámbito laboral,  profundamente invisible e silenciada” polo que reclamou un compromiso da Xunta de Galiza para eliminar as axudas públicas a todas aquelas empresas condenadas por acoso laboral ou sexual.

A iniciativa defendida polo BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG