Néstor Rego reivindica a gratuidade das autovías galegas

Acto Salnés
Acto Salnés

Néstor Rego visita a comarca do Salnés e reclama ao Goberno do Estado que cumpra co acordo de investidura no relativo a AP-9 que estabelece 100% de desconto para usuarios recorrentes.

O BNG rexeita a implantación de portaxes nas autovías como unha medida “antisocial e prexudicial para a economía galega”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita O Salnés acompañado pola deputada no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e mantén unha reunión con diferentes colectivos dos sectores económicos e sociais da comarca. Rego reivindica a gratuidade das autovías e reclama ao Goberno do Estado que cumpra co acordo de investidura en que establecía a rebaixa de 100% nos usuarios recorrentes, tanto particulares como profesionais, todos os días da semana.

Rego lembra que o compromiso do Executivo estatal, como consta no Acordo de Investidura asinado en xaneiro de 2020, é que os descontos na AP-9 garantirán “como mínimo” a bonificación de 100% da peaxe para os usuarios recorrentes, “tanto particulares como profesionais”, durante todos os días da semana. Así mesmo, criticou o anuncio realizado polo Ministro de Transportes, José Luís Ábalos, en Santiago de Compostela no sentido de que os transportistas profesionais terían un desconto de 20% “tanto en viaxes de ida como de volta”. Rego considera que estes descontos “son insufientes, para alén de incumpriren o acordado”.

Por iso, o deputado do BNG reclama ao Ministro Ábalos que poña xa en marcha os descontos tal e como están previstos no Acordo de Investidura. En todo caso, e dado que nel se fala de garantir “como mínimo”, Rego sinala que ao BNG lle parecería ben ese desconto a maiores para profesionais, “como complementario, nunca como substitutorio”.

“Sería unha medida favorecedora do dinamismo económico da Galiza, dunha maior competitividade das empresas galegas e da redución do tráfico pesado por vías convencionais; mais como mínimo o Goberno ten que cumprir aquilo ao que se comprometeu”, sinala.

Por outra banda, o Néstor Rego falou sobre a posibilidade de implantar peaxes en todas as autovías que “está a xerar unha gran inquietude na Galiza polos efectos negativos que terían para as clases populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País como a Galiza que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en Europa”.

“Unha medida que o Goberno pretende vender como ‘verde’, para ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado, representará realmente unha lousa nun País como Galiza que non posúe transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías” enfatiza o deputado nacionalista en sede plenaria. Así mesmo, Rego quixo deixar claro que “sen alternativas, non é unha medida ecolóxica, é simplemente antisocial e antigalega”.

Máis vías de conexión entre as vilas e cidades da Galiza

Para rematar, a formación nacionalista non quixo desaproveitar a ocasión para reivindicar a mellora na comunicación ferroviaria de Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés. Rego exixe que se aposte pola interconexión das vilas e cidades da Galiza para crear un servizo de tren de proximidade.

“É necesario que Renfe e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana rectifique para non excluír a parada na capital arousá dentro dese novo traxecto que unirá Vigo e Madrid a partir do 14 de xuño” reivindica o deputado nacionalista. Nas súas verbas “debe manterse un servizo que beneficia tanto á poboación da vila como a toda a súa área de influencia, isto é, a todo o Salnés, Caldas, o Baixo Umia e mesmo a Barbanza”. A parada do tren a Madrid en Vilagarcía foi recuperada fai tan só oito meses despois de décadas sen esta conexión “porén, agora que se amplía e Renfe anuncia un novo tren, decídese eliminar a capital arousá da liña, non pode entenderse ese paso atrás, para aforrar só cinco minutos”.

Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso lembra que “o Ministerio de Transportes ten pendente un compromiso adquirido con Galiza, a modernización das conexións ferroviarias entre as vilas e cidades galegas, para crear unha verdadeira rede de proximidade agora inexistente”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG