O BNG confía no regreso ao Congreso nas próximas eleccións e o seu candidato pola Coruña, Néstor Rego, insistiu no mitin de Melide en convidar ás persoas que vaian votar o 10 N "confiando nas nosas posibilidades de ter unha voz propia". "Desta vai", dixo Néstor Rego, botando man dun dos lemas da campaña que quere contaxiar entusiasmo e animar a centrar o voto en chave galega no BNG. O candidato estivo acompañado da ex-alcaldesa de Melide, Soqui Cea, e o concelleiro, Xesús Pereira.
O BNG encara a semana de campaña electoral coa confianza de que o regreso ao Congreso dos Deputados está próximo mais que é necesario sumar forzas para que Galiza "volva ter voz propia en Madrid, onde se deciden tantos temas cruciais para os nosos intereses".
O candidato pola Coruña, Néstor Rego, despois dunha mañá de achega de información en Padrón e Boqueixón, particularmente nas súas feiras, participou do mitin en Melide no que asumiu a "grande responsabilidade" que supón o convencemento de que é preciso volver a Madrid porque "do que significa a nosa ausencia xa o comprobamos. O país non se pode permitir outros catro anos sen voz que o defenda".
Se Cataluña ou Euskadi poden... Galiza tamén
Fixo relación Rego de varias ocasións en que deputados e deputadas con acta conseguida con papeletas galegas fixeron valer o seu voto contra os nosos intereses como país. "Deixaron de defender causas centrais como a gratuidade da AP9 ou a tarifa eléctrica galega, dous temas que serían fundamentais á hora de afortalar o noso sector industrial desmantelado ou para a creación de emprego, pero os deputados e deputadas galegas só estaban para defender os mandatos que chegaban dos seus partidos en Madrid", dixo Néstor Rego. "Se Cataluña ou Euskadi, e mesmo unha rexión como Cantabria teñen representación propia... unha nación como Galiza non vai ter?", preguntou o candidato do BNG.
"Nós tamén podemos ter esa voz en Madrid. Precisamos ter convencemento de que podemos ter representación propia, esa voz que só responde aos nosos intereses e que, como vimos nos casos que si a teñen e como comprobamos cando a tivemos, é a máis rendíbel de todas, a do voto realmente útil", sinalou o candidato do BNG pola Coruña para quen votar a organización nacionalista, a única papeleta galega que se presenta, significa "facelo con garantías de apoiar a quen ama este país e vai poñer todo o empeño en defendelo".
Ao convencemento de que "este país vai ter confianza en si mesmo o vindeiro 10 de novembro" sumou no seu discurso o de que aos votos que o BNG recibiu nas pasadas eleccións de abril vanse sumar "os das persoas defraudadas co comportamento das forzas de esquerda como PSOE e Podemos con Galiza, que aprobaron, sen ningún tipo de problema, os orzamentos máis prexudiciais para nós dos últimos vinte anos". A comparación dos 745ME que ambas forzas consignaran para Galiza nos últimos orzamentos presentados fronte aos 2.1000 que se aprobaran cando tan só dous votos do BNG eran determinante son, ao seu ver, "os datos que dan medida do que valen os votos, do útil que para nós é ter unha voz propia que faga oír Galiza onde ninguén a sinte".
Fixo referencia tamén o candidato nacionalista a unha campaña en que só o BNG pon Galiza no centro e puxo así, como exemplo, a ausencia "absoluta" no debate televisivo cos voceiros das forzas estatais. "Cando só o presentador, Xavier Fortes, cita Galiza nalgunha ocasión é que algo grave está pasando, grave para nós porque está claro que para esas forzas, non existimos co cal non podemos, non debemos, deixar o noso futuro nas súas mans", anotou Néstor Rego.
"Temos que facernos valer e iso significa votar BNG porque, podemos aseguralo e podedes crernos porque así o demostramos, imos estar en Madrid para crear emprego aquí, para frear o desmantelamento da nosa industria, para defender os sectores produtivos, o dereito a producir no noso mar e na nosa terra e para parar esa emigración voraz que nos lembra o tempo en que os nosos avós e as nosas avoas tiñan que marchar do país. Xa non, xa non imos permitir que a nosa xente continúe marchando, temos que facernos valer e facer escoitar a nosa voz alta e forte, sen máis intereses que os nosos propios", insistiu Néstor Rego.