Parlamento Europeo

Néstor Rego e Ana Miranda trasladan ao Parlamento Europeo a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo

Néstor Rego apela á restauración da dignidade da memoria histórica e reclama a devolución dos bens  roubados ao  pobo galego durante a ditadura

Ana Miranda propón elaborar un estudo do impacto económico do espolio franquista

O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego, a eurodeputada, Ana Miranda e o historiador Carlos Babío, autor da obra “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio” denunciaron hoxe no Parlamento europeo a situación do colectivo 19 de Meirás denunciados pola Fundación e familia Franco, tras participar nun acto pacífico e reivindicativo pola devolución dos Pazo de Meirás.

O Grupo europeo de Memoria histórica trasladou aos membros do BNG a súa intención de continuar traballando, na vindeira lexislatura, por unha devolución real do Pazo. Para o candidato do BNG ao Congreso e membro do colectivo 19 de Meirás, Néstor Rego estamos ante “unha anomalía democrática” ao comprobar como unha familia desfruta dunha propiedade “roubada polo ditador” amparado polo seu poder durante os anos da guerra” e avalada pola propia monarquía.

Rego explicou que  a recuperación do pazo de Meirás non se basea exclusivamente no  seu valor económico, “ten un gran   valor político e simbólico” de restauración da dignidade e da  memoria democrática, dixo. Ademais criticou  “a inacción” do goberno español, que a pesar de contar coa  base xurídica elaborada polo Parlamento galego  e  Deputación da Coruña para proceder a súa reclamación, “non tomou ningunha medida”. Neste sentido, indicou que a única explicación para que non se proceda á reclamación é “a existencia de presións por parte dos  poderes fácticos, incluída a Casa Real”.

 O  grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, do que forma parte a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, comprometeuse  a seguir traballando pola devolución do pazo de Meirás. Ademais, o grupo  defensor da recuperación da memoria, e no seu nome  as eurodeputadas Soraya Post e Eleonora Forenza -impulsoras xunto Ana Miranda da Resolución contra o Avance do Fascismo en Europa- expresaron o seu apoio ao colectivo 19 de Meirás e ao historiador Carlos Babío, denunciados pola Fundación e familia Franco.

“A recuperación do pazo de Meirás é unha reclamación que seguirá viva na próxima lexislatura,” indicou  Ana Miranda que, a maiores,  propuxo elaborar  un  estudo sobre “o impacto económico do espolio franquista”.

Miranda reiterou  que o colectivo 19 de Meirás está acusado  pola Fundación e familia Franco por  “Violación de morada”, tras un  “acto simbólico e pacifico” para reclamar a devolución do Pazo de Meirás e  que segundo o Código Penal español está penado con prisión.

Desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, dixo Miranda  queremos acadar visibilidade internacional sobre a  impunidade do franquismo e rematar co incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática.

Pola súa parte, Néstor Rego engadiu que o BNG continuará presentando  iniciativas destinadas ao cumprimento da Lei de Memoria histórica e a devolución dos bens incautados pola ditadura en Galiza.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG