A través de numerosas iniciativas, emendas aos orzamentos e a solicitude de transferencia de competencias en materia de ordenación do litoral, o BNG, por medio do seu voceiro Néstor Rego, converteuse na voz do sector mar industria no Congreso. Nunha xuntanza con representantes do sector en Vilagarcía, xunto co candidato ao Senado, Duarte Correa, e a Deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, así como nun acto público en Cambados, Rego destacou o traballo desenvolvido para apoiar un sector "que é crucial para o noso país e precisa do BNG para defendelo fronte situacións que, como vimos nestes anos, poden poñelo en perigo". Animou a votar en chave de país porque, segundo dixo, "o voto BNG significa a defensa de Galiza, a garantía de políticas sociais e transformadoras e o freo á dereita e ultradereita".
Na súa intervención diante de representantes do sector mar industria, Néstor Rego insistiu na necesidade de acadar a transferencia a Galiza das competencias para a regulación e xestión en materia de dominio público marítimo- terrestre e de ordenación do litoral. "Só así, dixo, poderíase adoptar a normativa ás necesidades e especificidades da costa galega e defender un ámbito de especial interese para nós", apuntou o portavoz nacionalista no Congreso que, ao longo de tres anos e medio de lexislatura, subiu en multitude de ocasións a presentar propostas fronte decisións que puñan en perigo o futuro do sector.
Un deses momentos foi, como lembrou, cando o BNG exixiu a modificación da Lei do Cambio Climático e Transición enerxética co fin de que se mantivese a actividade do sector mar industria e se evitase o peche e desprazamento da zona marítimo-terrestre de empresas que teñen que estar, por obriga, cerca do mar e que están plenamente integradas no medio e cunha actividade sostíbel.
"A lei deixaba en situación de inseguridade empresas da cadea mar-industria como depuradoras, cocedeiros de marisco, cetarias ou piscifactoría, mesmo desenvolvemendo actividade sostíbel e con necesidade de ubicarse en contacto coa lámina de auga, o que tería unha repercusión moi negativa na estabilidade e o futuro do sector", sinalou Néstor Rego.
Esta situación supuxo que se puxera máis á vista aínda a "relevancia que para nós ten a posibilidade de regular e ordenar o litoral desde nós mesmos, polo que solicitamos no seu momento e esixiremos tamén na vindeira lexislatura cun grupo galego forte as transferencias de competencias do mar á Xunta de Galiza".
Apoio en “chave de País”
Ademais, foron numerosas as demandas do sector marisqueiro e pesqueiro que subiron á tribuna grazas ao voceiro nacionalista, entre elas, a protesta polas vedas establecidas pola UE que o Estado español non foi quen de frear ou polo espolio da implantación da eólica mariña en zonas de vital importancia para a frota pesqueira. "Levamos ao Congreso todos os problemas e preocupacións do sector do mar e, en concreto da cadea mar-industria como a prohibición da frota de arrastre, a reclamación da baixada e axuda para os custos do gasóleo pesqueiro e e supresión do IVE aos produtos do mar cando se produciu a crise de prezos ou mesmo a aprobación a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais aprobado como emenda do BNG á Lei de Pesca Sostíbel", explicou Néstor Rego.
Por todo isto, o deputado e candidato do BNG, defendeu que, nas vindeiras eleccións "é necesario que se dea apoio en clave de país porque, como vimos, só desta maneira se garante a defensa dos intereses de Galiza e tamén de políticas sociais e transformadoras, poñendo fronte ao avance da dereita e ultradereita".