- Os dispositivos tecnolóxicos non resultan efectivos na Atención primaria ante as dificultades técnicas para acceder as redes en moitas localidades galegas e con poboación cada vez máis envellecida. Hai que aumentar os recursos humanos e deixar de beneficiar a empresas privadas co negocio da tecnoloxía
A parlamentaria do BNG, Montse Prado cuestionou hoxe o novo modelo de Atención Primaria do que informou o conselleiro de sanidade, Jesús Vázquez Almuíña por considerar que, máis unha vez, sanidade prima a tecnoloxía en detrimento de máis recursos humanos.
Prado explicou que a Atención primaria debe caracterizarse pola “proximidade, persoal, continuada no tempo e baseada na confianza entre o facultativo e o paciente” polo que deben ser impulsadas “melloras” na prevención, tratamento e rehabilitación máis a realidade,dixo é que Galiza non cumpre con estes parámetros. Neste sentido, acusou ao Goberno galego de “levar anos maltratando ao persoal sanitario” e aplicando recortes que afectan gravemente aos usuarios e usuarias da saúde.
A nacionalista denunciou que entre o ano 2009 e o 2017 houbo un recorte de 1.782 M€ menos en Atención primaria e que, unha vez máis, a comparecencia do conselleiro de sanidade busca un “un titular” en troques de mellorar a situación do persoal sanitario. A deputada tamén censurou que Almuíña presumira de asumir 28 novos centros de saúde porque esa responsabilidade, asegurou é do “propio goberno galego” a través dun pacto asinado hai máis de dez anos. “Despois de todo este tempo non se fixo cargo nin da metade”, apostilou.
Para a deputada, as novidades tecnolóxicas son indispensables pero isto non significa, explicou que teñen que conlevar máis recortes en persoal. Neste sentido, e ante o anunciou do conselleiro dunha nova plataforma tecnolóxica, Prado preguntou se este sistema seguirá o destino dos camións sanitarios pagados con fondos europeos e que na actualidade permanecen aparcados nunha explanada de Conxo, sen utilidade algunha.
Prado alertou da descapitalización do mellor recurso da sanidade pública, “o seu persoal” para capitalizar a tecnoloxía cando o necesario, recalcou é que sexan complementarios. Ese non é o camiño, nin o é entregarlle todos os recursos tecnolóxicos a empresas privadas polo que preguntou que servidores serán usados nas novas tecnoloxías e quen pagará os dispositivos, “os pacientes ou o SERGAS”. Quen vai ser o beneficiario do novo sistema e canto se lle vai pagar ás empresas privadas, a esas empresas as que xa lle foi entregada xa unha parte importante de recursos públicos.
A venda, reposición e mantemento dos sistemas tecnolóxicos a quen van beneficiar, e quen vai facer negocio?. A deputada tamén puxo en tea de xuízo o anunciou do conselleiro sobre a implantación de novas tecnoloxías tendo en conta as dificultades técnicas para acceder ás redes en moitas localidades galegas ao que sumou o envellecemento da poboación. A parlamentaria concluíu afirmando que a solución non son os dispositivos e esixiu ao conselleiro un “compromiso real para capitalizar con recursos humanos a Atención primaria”, o resto é “un brinde ao sol e seguir beneficiando a empresas privadas”