A endeometriose é unha doenza incapacitante con gran dor físico e desgaste psicolóxico que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil, 60.000 en Galiza, 9.000 en estado grave, pero que carece dun protocolo de actuación para a súa detención e tratamento no SERGAS, de tal xeito que o sistema tarda unha media de oito anos en diagnosticar esta doenza tras obrigar as afectadas a “peregrinar” por distintas unidades e servizos.
A portavoz de sanidade, Montse Prado, trasladou esta situación ao Parlamento para reclamar á Xunta que cumpra os acordos aprobado na Cámara en 2015 a petición da asociación QuerEndo-Mulleres, que leva anos reivindicando un protocolo e medios para facilitar o diagnóstico e tratamento desta doenza así como a súa divulgación e coñecemento entre as mulleres.
Prado lembrou as medidas aprobadas en 2015 que, segundo denuncia QuerEndo-Mulleres, están maioritariamente sen executar.
Realización dun censo de doentes con endometriose para determinar as necesidades sanitarias e un mapa de servizos nas diferentes áreas sanitarias co obxectivo de valorar a creación de novos servizos e implantación de novos protocolos. Difundir a guía de coidados a mulleres con endometriose publicada polo Ministerio de Sanidade entre os profesionais sanitarios para mellorar a atención que reciben as doentes, “coñecese pero non pode implementarse por falta de medios”, denuncia.
Igualmente, falta poñer en marcha un Plan de detección precoz, creación de unidades especializadas e multidisciplinares nos hospitais, -a día de hoxe só hai en Vigo, Coruña e Ourense-. Pese a iso, persisten as dificultades para derivar ás pacientes afectadas en grado IV a outras áreas sanitarias, mesmo fora de Galiza, que si contan con este servizo especializado.
Ademais, o acordo parlamentario incumprindo, tamén incluía realizar unha campaña informativa para fomentar o coñecemento da doenza por parte das mulleres en idade fértil e de maneira singular entre as menores de 25 anos, así como fomentar a investigación sobre esta doenza.
Prado salientou na súa intervención que se trataba dunha “doenza de xénero” e expresou o seu convencemento de que “se en lugar das mulleres afectase a 60.000 homes a vontade política para enfrontar a situación sería moi diferente e non estamos dispostas a aceptar que se nos eduque as mulleres que ter dor é normal”.
“Fagan campaña para concienciar as mulleres, en particular as mozas, para que non asuman que ter dor é normal nunha doenza para que é posible ter mecanismos asistenciais que agora non existen en Galiza”, argumentou.
“Cinco anos despois de ter posto en axenda esta doenza, grazas ao colectivo QuerEndo-Mulleres, o tempo para facer unha diagnose é de 8 anos e que cando por fin son diagnosticadas atópanse con que aquí non hai unidades específicas nin unha unidade multidisciplinar de tratamento e teñen que ser derivadas fora do noso país. Cantos anos máis teñen que pasar para que en Galiza haxa unidades multidisciplinares especializadas para tratar as mulleres afectadas por esta doenza?”, concluíu Prado ante a falta de concreción por parte da Xunta.