- A portavoz de pesca do BNG trasladou ao Parlamento a indignación dos mariñeiros galegos que por falta de cota son obrigados a tirar a xarda morta ao mar mentres outras embarcacións pescan en véndena nas lonxas galegas
A deputada do BNG, Montse Prado afirmou hoxe na comisión de pesca que os mariñeiros séntense “burlados, discriminados e ninguneados” ao verse obrigados a tirar o peixe ao mar mentres a súa beira outras embarcacións pescan libremente.
No transcurso dunha pregunta ao goberno sobre a xestión da pesqueira da xarda para artes menores e os peches establecidos e a demanda dun novo sistema de xestión, a nacionalista afirmou que na actualidade os pescadores de artes tradicionais galegos constatan como mentres eles tiran a xarda morta ao mar por mor dun reparto que discrimina a Galiza, outros barcos pescan e venden o peixe nas lonxas galegas. “ Os pescadores galegos soben a xarda pero teñen que volvela a tirar ao mar e non poden pescar outras especies o que produce unha gran merma nos seus ingresos”, indicou a deputada do BNG.
Prado censurou que a Consellería do Mar responsabilice ao sector cando é a Xunta, o Goberno central e a Unión Europea os que impoñen condicións e regulamentos que aboca ao sector a unha situación insostible. A parlamentaria lamentou que a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda non amosara na resposta á pregunta do BNG ningunha disposición a exixir do Goberno español “cambiar este sistema de reparto nin tomar medidas que defendan ao sector”.
Por outra parte, na mesma comisión de pesca, a nacionalista tamén formulou outra pregunta relativa á extracción da ameixa reló. Na súa intervención explicou que esta é unha especie secundaria pero que ata o ano 2005 supuxo unha captura sobre un 1.400.000 quilos e recursos económicos próximos aos dous millóns e medio de euros. No ano 2006 foi detectado chumbo na especie e prohibida a súa extracción por posible risco para a saúde pero a día de hoxe, dixo Prado, seguimos sen resolver a situación e foi o sector o que iniciou accións para que a Xunta comezara a preocuparse.
Na actualidade existe un estudo da Consellería de Pesca e Universidade de Vigo que confirma que a inxesta desta ameixa “non é tóxica” no camarón pero queda por confirmar que tampouco o sexa en humanos, conclusións do informe que segundo afirmou a Directora do INTECMAR se darán a coñecer no mes de xuño. Neste sentido, a parlamentaria do BNG reclamou acelerar todos os trámites para que as confrarías e o sector podan volver a extraer a ameixa reló con todas as garantías.
Nas zonas onde desapareceu o berberecho ou existían poucas capturas de ameixa, esta especie, a pesar de ser secundaria, supuña para moitos mariñeiros entre catro mil e cinco mil euros anuais. Estamos, recalcou Prado, ante un problema importante e a Consellería, despois de dez anos, debe acelerar o proceso para coñecer as conclusións do informe e normalizar a extracción da ameixa reló con todas as garantías para o seu consumo.