Montse Prado acusa a Mosquera de converter o Álvaro Cunqueiro nun hospital privado

A parlamentaria amosou diversas denuncias notariais  do persoal sanitario sobre o “caos” do traslado do hospital Álvaro Cunqueiro e acusou á conselleira de Sanidade de querer "cargarse a sanidade pública galega".

Intervención de Montse Prado na Cámara galega

 

 Pleno.-A parlamentaria do BNG, Montse Prado volveu cargar hoxe contra a “pésima xestión” da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera no proceso de construción, xestión e traslado do novo hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro.

O BNG pide a Mosquera que dimita

A deputada non escatimou criticas e acusou á conselleira de iniciar un proceso destinado a “cargarse a sanidade pública galega”. Neste sentido, asegurou que o BNG non agardaba nada novo da comparecencia da titular de Sanidade para explicar o traslado e posta en marcha do hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro pero si agardaba, dixo, “un pouco de dignidade e que comunicara a súa dimisión”.

O PP converte o Álvaro Cunqueiro nun hospital privado

A parlamentaria remarcou que o hospital de Vigo é “privado” e lembrou que o pasado tres de setembro produciuse unha mobilización histórica en Vigo, “mobilización que a conselleira non quere ver a pesar de ser miles e miles de persoas da área sanitaria de Vigo que reclamaban a súa rectificación e dimisión e demandando sanidade pública e gratuíta cun hospital ao servizo da poboación e non das súas empresas amigas”.

O pasado tres de setembro, abondou a nacionalista, houbo un clamor dos veciños e veciñas do Sur de Pontevedra que a pesares da súa campaña do magnifico hospital “non acabaron de crela”. O PP leva en campaña, por terra, mar e aire, falando das excelencias do hospital de Vigo pero resulta que miles de persoas non os cren, “poden enganar a uns poucos un tempo pero a todos non os poden enganar”, afirmou.

O seu único obxectivo ao fronte da consellería é “converter un servizo público en negocio para os seus amiguetes e empresas que fan caixa en Galiza para levala despois a Madrid”.

Prado cualifica de “conselleira impermeable” a Rocio Mosquera

O Presidente da Xunta chama irresponsables os miles de persoas que reclaman unha sanidade pública, o xerente minimiza o desastre do traslado, hoxe mesmo pola mañá o PP vetou unha comisión para investigar as irregularidades do hospital e agora ven vostede a acusarnos de “desprestixiar a sanidade”. Hoxe pola maña os traballadores e traballadoras “legais” concentrados nas portas do Parlamento pedían a súa dimisión pola súa “nefasta xestión”, mentres na Cámara o PP vetaba unha comisión para investigar o acontecido co o hospital de Vigo, se non hai nada que ocultar, preguntou, porqué o PP votou en contra. Non será dixo, porque non queren que se coñeza como foi o proceso de licitación, construción, e a entrega do control do hospital a unha empresa amiga?. Vostede, dixo, “é unha conselleira impermeable e vive nunha realidade virtual”.

Montse Prado, portavoz de sanidade do BNG

A parlamentaria amosou dende a tribuna varias denuncias formuladas por profesionais sanitarios ante notario sobre a falta de información sobre o traslado de material de hematoloxía e transplantes “sen preaviso” e sen cumprir co protocolo poñendo en risco as mostras así como no servizo de radioloxía coa falta do 80% do material necesario para unha prestación en condicións.

“ O traslado dos pacientes foi un caos, sen medicación mínima, cunha ridícula dotación de contenedores para o lixo, sen información para utilizar os novos aparatos”, os profesionais están alarmados e os doentes escandalizados por ter que pagar prezos abusivos por un aparcamento, por poder durmir nos sillóns ou xantar na cafetería, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG