Miranda asiste en nome do BNG ao congreso do pro curdo Partido Democrático do Pobo (DHP)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa en Ankara no congreso anual que esta fin de semana celebra o Partido Democrático do Pobo-HDP, formando parte da delegación da formación Alianza Libre Europea (ALE).

Esta forza política pro curda é o terceiro grupo no Parlamento turco con 59 escanos dun total de 550, despois da celebración das pasadas eleccións de novembro e tras a súa fundación en 2012 como continuador do difícil traballo dos numerosos partidos curdos de esquerdas que o precederon. Está claramente a favor da democracia participativa, dos dereitos das minorías nacionais, do ecoloxismo e da igualdade.

Portavoces do Partido Democrático do Pobo-HDPTamén fai unha aposta importante pola participación real da muller na vida política, de tal xeito que 268 dos 550 integrantes das candidaturas nas pasadas eleccións lexislativas foron mulleres, ademais de establecer un sistema de co portavocía muller-home. Nas pasadas eleccións locais de 2014 venceron en 10 distritos, entre eles a capital do Curdistán turco, Diyarbakir.

O HDP mantén relacións en Europa coa Alianza Libre Europea, partido político europeo defensor da autodeterminación dos pobos e nacións sen Estado, ademais doutras forzas europeas de esquerda.

Ana Miranda manterá en Ankara unha serie de reunións cos portavoces do HDP Selahattin Demirta? e Figen Yüksekda?, así como con diferentes deputadas e deputadas, nas que vai transmitir a solidariedade do BNG coa causa curda e a colaboración da formación nacionalista nas denuncias internacionais pola constante vulneración de dereitos humanos por parte do Goberno turco contra o Pobo curdo, agravada nestas últimas semanas.

Neste sentido, o Bloque denuncia o recrudescemento da violencia do Goberno turco durante as últimas semanas no Curdistán e a ocupación de diversas cidades curdas polo exército turco, que empregou armas de guerra en zonas poboadas por civís causando moitas vítimas, entre elas 3 políticas integrantes da Marcha Mundial das Mulleres.

Amais da detención arbitraria de varios militantes do HDP, as sedes do partido foron rexistradas pola policía en Istambul e outras cidades, atacadas por grupos de extrema dereita nos últimos meses. Tamén foron detidos moitos dos intelectuais que asinaron un manifesto contra os ataques e bombardeos das últimas semanas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG