A deputada do BNG, Mercedes Queixas, a través dunha pregunta parlamentaria sobre as previsións da Xunta para iniciar a elaboración do plan integral de xestión do Monumento natural Costa de Dexo-Serantes, criticou a desidia do Partido popular que tras 23 anos de diferentes gobernos continúa permitindo a “desprotección” da costa.
O PP práctica unha política de “desprotección natural” exercendo de goberno “ecocida” e non respectan que un espazo conte cunha declaración para a súa protección ou non porque o que prima, afirmou Queixas é “a desprotección”.
Un exemplo do proceder do Partido popular, dixo, atopámolo na Costa de Dexo-Serantes “verdadeira homenaxe a unha costa desprotexida” porque a pesar estar catalogada como “Monumento natural” e espazo de especial conservación na Rede Natura e Reserva da biosfera Mariñas coruñesas continúa soportando agresións por diversos medios de locomoción e público en xeral, “sen que o goberno tome ningún tipo de medida”.
A nacionalista acusou ao goberno de “carecer de credibilidade” ante o anuncio, en período electoral, para iniciar o proceso de declaración Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, autorizando o Consello da Xunta á Consellería de Medio Ambiente a iniciar o devandito proceso. Na actualidade, en período electoral, recalcou a deputada do BNG o Plano Integral de Xestión está sendo sometido á participación pública.
A Xunta recoñece a desprotección da Costa de Dexo
Tras a intervención da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a parlamentaria do BNG explicou que a Xunta de Galiza despois dun primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia no deterioro constante da Costa Desprotexida de Dexo, “recoñece por fin o estado de abandono da mesma”.
O propio estudo da Xunta certifica a “proliferación de especies exóticas invasoras”, importante presión de uso público na zona , procesos erosivos nos camiños que afectan aos hábitats e patrimonio natural e cultural, fragmentación e alteración do estado de conservación de hábitats naturais, afectación sobre as áreas sensíbeis para avifauna e especies ameazadas, degradación paisaxística e conflitos e incompatibilidades de uso entre distintas actividades”. Todas estas agresións, remarcou a nacionalista, coinciden coas denuncias presentadas polo BNG durante lustros con “probas documentais” de motos circulando en pleno Monumento Natural, vehículos aparcados, drons alterando os niños dos corvos mariños, construcións fixas sen licenza, trails masivos circulando por camiños abertos ad hoc e polos muros de castros ou a escasos metros de aves en pleno proceso de niñificación, bicicletas sen control creando novas rodeiras, tractores das Administracións ampliando os camiños, cans ceibos e sen control, gravación de publicidade privada coa introdución de vehículos e drons. Estas agresións, que representan “atentados” contra o patrimonio, foron perpetrados nos últimos dous meses, co “visto e prace da Xunta” e a autorización in extremis do trail e gravación de anuncios.
O BNG urxe poñer en marcha o Plan de xestión coa participación dos axentes implicados
Mercedes Queixas urxiu a Patrimonio Natural a desenvolver o plano estratéxico de xestión para o Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes participado por todos os axentes implicados, entre os que destacou, o Concello e a Xunta, a veciñanza e persoas con propiedades na zona e entidades conservacionistas e ecoloxistas. Ao seu xuízo, o plan debe priorizar o aproveitamento dos recursos de forma compatíbel coa protección e recuperación do patrimonio natural.
Agardamos, “que o Plano integral de protección non se faga ás costas da cidadanía, propietarios e Concello”, como está a suceder na actualidade co Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume, no que a Xunta, “nin sequera se digna a explicar a propietarios e concellos que alegacións acepta e cales rexeita.
“Confiamos en que non sexa demasiado tarde para protexer a até agora, desprotexida Costa de Dexo”, concluíu.