Máis prazas e horarios para que estudantes e traballadoras deixen de viaxar amontonados no tren

BNG demanda mellorar servizo de tren

BNG demanda mellorar servizo de tren

BNG demanda mellorar servizo de tren

O servizo ferroviario de Galiza é tan insuficiente que incluso os traxectos que cobren o Eixo Atlántico, en teoría o mellor dotado, obrigan a miles de galegos e galegas a viaxar de pé nos corredores ou sentados nas maletas en condicións “intolerables” mesmo en termos de seguridade.

“Mozos e mozas que as fins de semana teñen que viaxar de pé nos corredores dos vagóns pese a ter pagado un billete, de pé, sentados no chan, nas maletas. É inxusto e ademais é inseguro en caso de accidente”, denunciou Alberte Mera, responsable de Galiza Nova, en referencia aos estudantes que cada venres e domingo se desprazan usando este servizo e sofrendo as súas deficiencias.

Coa estación de tren de Santiago como escenario da denuncia, o Bloque reclamou poñer fin a esta situación con tres demandas concretas que sintetizaba o portavoz nacional, Xavier Vence: Mellorar o servizo con prazas e horarios que cubran toda a demanda, prezos máis accesibles, e un servizo de cercanías dentro dunha política ferroviaria pensada para todo o territorio que debe ser planificada e xestionada desde Galiza por unha empresa ferroviaria galega.

“É necesario un cambio na prestación do servizo de Renfe para que o tren sexa realmente unha alternativa de transporte entre as cidades e as vilas”, demandou Vence, quen enumerou esa alternativa.

“Aumentar a frecuencia para ter unha cobertura horaria máis ampla, máis prazas nos horarios con maior demanda que garantan un asento para todos os usuarios e usuarias e unha revisión das tarifas porque é imposible para as familias a día de hoxe soportar prezos que están entre os 16/25 euros para ir de Coruña a Ourense ou de Coruña a Vigo só por traxecto de ida”, explicou o dirixente nacionalista.

Iniciativas no Congreso

Seguindo coa súa política de iniciativas, o BNG interpela mañá mesmo ao presidente de Renfe no Congreso a través da portavoz de infraestruturas, Rosana Pérez. “O que está a pasar, hai que dicilo con claridade, é que Renfe está a vender billetes por riba das prazas que leva o tren e iso non se pode consentir”, denunciou.

Pérez lamentou que, aínda por riba, o Ministerio de Fomento “se atreva a dicir que é seguro viaxar desta maneira”. “Equipaxes que poñen en perigo aos usuarios sentados nos corredores, de pé, sen que case poda pasar nin o revisor, unha seguridade que en Galiza xa quedou cuestionada en moitas ocasións, e todos temos na memoria a traxedia de Angrois”, lembrou.

O Bloque denuncia ademais que Galiza é un dos poucos territorios do Estado español que non dispón de servizo de cercanías, o que converte nunha “verdadeira odisea” o que ten que facer a mocidade ou calquera outra persoa para acudir aos seus centros de traballo e de estudo, entre Vigo e Pontevedra, Ferrol Coruña, Compostela Vilagarcía.

Neste sentido, Pérez criticou aos responsables de Fomento que están “volcados” en sacarse fotos ao lado das obras do AVE, como fixo recentemente a ministra Ana Pastor. “Non nos interesa só o AVE, as comunicacións coa Meseta ou con Madrid que é onde están centrados, mentres seguen a eliminar estacións como Pontecesures, Catoira e Padrón ás que deixan sen servizo”.

Para o BNG, “é preciso un cambio de filosofía no servizo de tren neste país, que non debe estar centrado unicamente en conectar Galiza coa Meseta, senón tamén un servizo de tren de cercanías que permita que o tren sexa tamén unha alternativa de transporte público, ecolóxico e sostible para os estudantado e os traballadores e traballadoras que se moven neste país ao longo do seu territorio”, concluíu Vence, o que debe facerse desde aquí cunha xestión e unha empresa ferroviaria galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG