parlamento galego

Luís Bará ve no retraso da Estratexia Galega da Infraestrutura Verde un exemplo máis da parálise da Xunta do PP no final da lexislatura

Luís Bará
Luís Bará
O deputado do BNG advirte dos “intereses ocultos” que hai detrás da demora dun instrumento que xa foi anunciado polo Goberno galego no ano 2017  

O deputado do BNG Luís Bará criticou a demora do Goberno do PP na tramitación da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración, “un instrumento de protección ambiental necesario para corrixir e complementar a escasa protección que ten o noso territorio en materia de espazos naturais e biodiversidade”. “Este é un exemplo máis da parálise desta Xunta no tempo de desconto da lexislatura, unha boa mostra da política baseada na propaganda e na maquillaxe, con moitos anuncios e fogos de artificio pero poucos feitos”, censurou.

Durante a súa intervención nunha pregunta formulada na Comisión 2ª ao director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador Sánchez, o deputado do BNG advertiu de que a Estratexia da infraestrutura verde acumula xa unha demora de máis de seis anos. A finais do 2016, explicou, aprobouse unha iniciativa no Parlamento instando á Xunta á súa aprobación, e no 2017 a entón conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato -hoxe no consello de administración de Greenalia- anunciou un convenio coas universidades de Santiago e A Coruña para a súa elaboración.

“Entón dicíase que Galicia ía ser pioneira, pero o certo é que seguimos agardando”, dixo Bará, quen no relato dos retrasos referiuse tamén á experiencia piloto anunciada ese mesmo ano 2018 para a infraestrutura verde da Coruña, outro anuncio que non chegou a facerse realidade, outra mostra de “fume e propaganda”.

Luís Bará advertiu, por outra banda, dos “intereses ocultos” de certos lobbies empresariais na parálise da estratexia, como sucedeu, dixo, coa ampliación da Rede Natura no ano 2012. “Hai intereses ocultos de grupos que non se presentan ás eleccións”, criticou, aludindo a presións relacionadas coa eólica, negocios mineiros ou de reforestación.

Para argumentar a súa pregunta, o deputado do BNG explicou que en agosto de 2022 a Xunta xa someteu a procedemento de información pública o proxecto da orde pola que se aproba a Estratexia da infraestrutura verde, á que se presentaron nove suxestións no prazo habilitado ata o 24 de outubro. Porén, dende entón non hai constancia de avances na tramitación e aprobación dun instrumento co que xa contan, por exemplo, Cataluña e Andalucía.

“Vostedes incumpren sistematicamente os seus compromisos, buscan escusas e lle botan a culpa ao cha cha cha. No único no son pioneros é nos anuncios e na propaganda”, salientou o deputado nacionalista, quen rexeitou “a posición contranatura” a posición da Xunta, que se traduce en “populismo e negacionismo ambiental e contra o cambio climático”. Así queda claro, engadiu, en declaracións feitas polo conselleiro de Medio Rural, José González, relacionando os incendios coa ampliación da rede natura, ou na “lobofobia”  da Xunta, que fixo que Galiza perdese millóns por non participar na estratexia posta en marcha polo Ministerio da Transición Ecolóxica.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG