- O servizo foi trasladado de “maneira precipitada” no mes de abril ás novas as instalacións da Estrada detectándose un gran número de incidencias por deficiencias na plataforma informática e merma nos ingresos do persoal
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, que Xunta e comité de empresa do CIAE 112 iniciarán unha negociación para ampliar a formación do persoal na xestión informática, compensar economicamente ao persoal do 112 pola diminución de ingresos derivada do traslado ás novas instalacións e asumir responsabilidades políticas por un “precipitado traslado” e sen garantías de funcionamento da plataforma informática que xestiona as chamadas de emerxencias.
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Paula Prado acusou ao nacionalista de utilizar “politicamente” o traslado do 112 e anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG agás no punto relativo a ampliar a formación do persoal para xestionar a plataforma informática.
Luís Bará cualificou de “lamentable” a intervención da popular Paula Prado e criticou que o PP continúe instalado nun “discurso triunfalista” que non asume unha realidade denunciada reiteradamente polo comité de empresa do 112 e dos traballadores e traballadoras que están a secundar unha folga. Resulta penoso, dixo Bará que o PP sega con “insinuacións insidiosas” para descualificar as reivindicacións xustas do persoal deste servizo. Vostedes, dixo, seguen responsabilizando os traballadores e traballadoras dunha situación que vostedes provocaron. “Os traballadores e traballadoras están chegando a unha situación límite e queren resolver o seu problema laboral e salarial” e sobre todo, que funcione correctamente un servizo tan fundamental como o servizo de emerxencias. Están defendendo “o interese colectivo” e non só os seus intereses laborais e salariais.
Bará anunciou que non aceptaría votar só o primeiro punto como pretendía o PP porque isto, explicou , “vai nun pac completo” e votar exclusivamente o punto para incrementar a formación é unha nova “triquiñuela” do Partido popular para lavar a súa imaxe. A iniciativa completa ten que ver coa formación, asumir que funciona mal a plataforma informática que provoca retrasos nos operativos de resposta e compensar economicamente ao persoal polo traslado, sentenciou o nacionalista.
O deputado concluíu a súa intervención reclamando novamente “unha implicación real da Xunta” cos traballadores e traballadoras e ao Partido popular que abandone a súa “entusiástica defensa da empresa”.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polos votos do grupo maioritario do Partido popular.