Luís Bará garante que un goberno do BNG na Xunta revitalizará Marín como centro comercial e de servizos

Acto Marín
Acto Marín
O cabeza de cartel chama á participación e a concentración do voto no Bloque advertindo que o BNG está a piques de conseguir o noveno deputado na provincia que faría caer a maioría absoluta do PP

O cabeza de cartel do BNG en Pontevedra, Luís Bará, animou hoxe dende Marín a toda a cidadanía da provincia de Pontevedra a que, para conseguir un cambio no goberno da Xunta o vindeiro domingo, concentre o voto na papeleta do Bloque, “que é unha papeleta na que cabe toda Galiza, toda a xente que lle quere a este país e quere unha Galiza mellor”. “Hai partido”, dixo.

Afirmou o nacionalista que canto máis avanza a campaña a forza liderada por Ana Pontón sube máis nas enquisas e recibe máis apoios, especialmente na provincia de Pontevedra, onde nestes momentos o BNG –asegurou- está en condicións de disputar o noveno deputado ou deputada: “Iso significa que o Partido Popular pode perder dous e ata tres deputados nesta provincia, onde o BNG sube máis e o Partido Popular está máis á baixa”, deixando no aire así a súa maioría absoluta actual.

Acto Marín
Acto Marín

No mitin de Marín destacou que hai “moita ilusión, moita esperanza e entusiasmo dunha maioría do pobo galego que quere cambio porque o proxecto do Partido Popular está esgotado e hai unha alternativa forte, ilusionante e de futuro que encabeza Ana Pontón como a futura presidenta de Galiza”. Afirmou que quedan días decisivos nos que “chamamos a unha mobilización masiva nas urnas e un voto masivo ao BNG que é o único que garante que haxa un cambio real, un cambio a mellor en Galiza”. Pediu que non se perda un só voto porque aínda que as expectativas son boas “non está nada feito”.

En chave local, Bará garantiu que un goberno do BNG na Xunta revitalizará Marín como centro comercial e de servizos, promovendo a economía para xerar emprego e mellorando equipamentos e transporte público para fixar poboación. “Queremos dar ilusión a esta vila con tanto potencial desaproveitado que vai a pique co goberno do Partido Popular, perdendo poboación mentres os concellos da contorna medran”, dixo.

O cabeza de cartel afirmou o goberno do Bloque traballará para impulsar o músculo do comercio de proximidade, fortalecer a súa posición competitiva e frear a perda de tecido, xa que considera que os negocios locais son chave para dinamizar os centros urbanos e os barrios, para crear emprego e tamén para que os beneficios queden no país e se reinvistan no territorio.

En materia de servizos, anunciou que o BNG fará realidade dende a Xunta de Galiza propostas para reforzar a Atención Primaria e o ensino público e garantir prazas de infantil e para persoas maiores. Salientou a urxente mellora do transporte público para ofertar unhas comunicacións dignas por autobús, así como un plan de mellora das estradas autonómicas.

Bará non quixo deixar atrás a necesaria rexeneración da ría co Plan Rías, para recuperar e sanear a zona co fin de potenciar a actividade marisqueira, e tamén salientou a posta en valor de Castiñeiras, o pulmón verde do Morrazo. Insistiu no necesario pulo ao sector naval e tamén na reclamación de competencias para xestionar dende Galiza os portos directamente.

Sanidade e vivenda

O candidato da comarca Paulo Ríos ‘Kai’ afirmou que o BNG “fará historia revertendo os recortes en atención primaria, apostando polas potencialidades deste país e recuperando o noso sector industrial e produtivo. Fará historia non permitindo que a nosa mocidade teña que emigrar a milleiros por falta de oportunidades aquí. Faremos historia recuperando para o público o sector dos coidados, para que ninguén volva facer negocio coa vellez nin coa dependencia”.

Referiuse á sanidade e garantiu que o BNG, como prioridade, porá en marcha un plan de rescate de 200 millóns de euros para a Atención Primaria. “Traballaremos por un servizo sanitario público e de calidade nos centros de saúde de Marín e Seixo”, insistiu, para rematar coas listas de espera para ter unha cita co médico de familia, dotar dun servizo óptimo de pediatría, de fisioterapia, e de odontoloxía, ademais de psicoloxía clínica.

A portavoz municipal Lucía Santos, asegurou, pola súa banda, que un goberno do PP supón catro anos máis de estancamento e retroceso e, en concreto, de desmantelamento na sanidade pública, lembrando que a alcaldesa do PP de Marín, María Ramallo, “preferiu manterse leal á política privatizadora do seu partido que manifestarse do lado da veciñanza”.

Coincidindo con Bará, Santos reivindicou o plan do BNG para xerar vivenda pública e sinalou que a falta de atractivo de Marín para fixar poboación débese entre moitas causas a que a Xunta do PP non desenvolveu ningunha promoción nin puxo no mercado vivenda en alugueiro.

“A mocidade ten que mudarse a outros concellos en busca de vivendas dignas e con prezos asequibles. En Marín hai máis de 20 anos que non se constrúe vivenda social, e na actualidade hai rexistradas no Instituto Galego de Vivenda e Solo, 86 solicitudes de compra, alugueiro ou alugueiro con opción a compra de vivendas de promoción pública no noso concello. O BNG dará resposta a esta necesidade de vital importancia”, subliñou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG