Galegas 2016

Luís Bará: “O Galtrén é a aposta do BNG por un tren de proximidades real”

trenvigo1
Encontro co comité de empresa de ADIF
  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe en Vigo que é fundamental que o país asuma as competencias en materia ferroviaria
  • Pediu “un tren do século XXI con infraestruturas do século XXI” para a liña do Miño e Portugal

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do 25-S, Luís Bará, mantivo esta mañá un encontro cos representantes dos comités das empresas públicas ADIF e Renfe na estación de Guixar, en Vigo, para coñecer e recoller as demandas do sector a través dos seus principais coñecedores, os traballadores, e trasladar as propostas do BNG para as comunicacións e infraestruturas ferroviarias no país. “O Galtrén é a aposta do BNG por un tren de proximidades real”, asegurou.

O candidato explicoulles que as propostas do BNG sobre o sector pasan polo feito de que “Galiza asuma as competencias en materia de ferrocarril para xestionar o tren de proximidade, que é unha das grandes ausencias do país”. O propósito é crear e potenciar os trens de cercanía e non os actuais de media distancia, que non cumplen aquela función.

“Nós propomos unha fórmula semellante á que hai noutras zonas, como Euskadi, e incluso lle temos un nome que é o: Galtren”, asegurou o candidato. Un tren que enlace os principais núcleos de poboación arredor das cidades cun medio económico, ecolóxico e eficaz como son os camiños de ferro. Tamén conectar entre si as cidades que na actualidade carecen do servizo: Lugo-Santiago.

Outra das prioridades do BNG en materia ferroviaria “é completar as infraestruturas de conexión en Galiza e tamén no exterior, con Portugal”. Lembrou que existe unha débeda incumplida con Galiza na conexión coa Meseta. “Esta é unha reivindicación histórica do BNG que seguimos a demandar, ao igual que a mellora da conexión de Portugal que nos últimos tempos está tristemente de actualidade polo accidente de Porriño”. O concelleiro lembrou que esta última conexión estivo nas axendas dos estados español e portugués, “pero quedou no olvido”.

Na reunión tamén falaron da necesidade de mellorar a infraestrutura e a seguranza ferroviaria, especialmente na liña do Miño e de Portugal, porque “aí temos un tren do século XX que circula por unha vía do século XIX debido á falla de investimentos. E nós queremos un tren do século XXI cunhas infraestruturas do século XXI”. Esta situación, segundo asegurou, débese á falla de investimentos nas infraestruturas ferroviarias galegas por parte do goberno de Madrid coa connivencia do goberno galego. Luís Bará asegurou que “non imos consentir que dende o Estado se sigan rateando fondos públicos para esta cuestión porque xa levamos demasiados accidentes e esta situación é insostible”.

Dado que a reunión se realizou no local sindical da estación de Guixar, tanto os traballadores como o candidato abordaron a problemática actual da duplicidade das estacións de Vigo: Urzáiz e Guixar, sen conexión real entre elas. “O ideal sería crear unha verdadeira estación intermodal en Urzáiz, porque dende o BNG somos contrarios á macroproxectos comerciais como o proxectado en Urzáiz porque son perxudiciais para os intereses da cidade, para o comercio especialmente. Nós creemos en centros urbanos dinámicos, e non nestes macroscentros megalómanos, privatizadores, que van en contra do comercio local”, aseurou o candidato.

Bará estivo acompañado da tamén candidata Marta Dacosta, do responsable local do BNG en Vigo, Serafín Otero, e o portavoz do BNG no Concello de Porriño, Pedro Pereira.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG