A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu hoxe unha nova pregunta dirixida á Comisión Europea na que alerta de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto industrial de Greenfiber en Palas de Rei presenta deficiencias importantes en relación á Directiva de Hábitats (92/43/CEE) e á lexislación española e galega. Dirante da “gravidade desta situación” remitiu unha nova carta á vicepresidenta para unha Transición Xusta, Teresa Ribera, para solicitarlle unha reunión urxente na que coñeza de primeira man os argumentos contrarios á instalación de Altri en Galiza.
No documento remitido á Comisión Europea, a eurodeputada galega pregunta se a DIA é compatible coa correcta aplicación desta directiva, xa que ao seu xuízo resulta preocupante a situación de tres especies de flora en perigo de extinción (Santolina melidensis, Armeria merinoi e Leucanthemum gallaecicum) e os seus hábitats prioritarios e sinala que a presenza destas especies xustificaría, dende hai anos, unha vez que foron incluídas no Catalogo de Especies Ameazadas no ano 2007, a protección da súa área a través da ampliación da Rede Natura 2000.
“Malia as advertencias da Comisión Europea ao Estado Español sobre deficiencias na representación de hábitats a nivel estatal, a Xunta de Galiza non actuou para ampliar esta protección da zona, a pesar do coñecemento científico dispoñible”, sinala Miranda, quen critica asemade que a Xunta non promoveu a inclusión destas especies ameazadas nunha actualización dos anexos da Directiva de Hábitats.
Continuidade da ofensiva contra Altri
Precisamente o artigo 4 desta directiva establece que os Estados membros deben propoñer á Comisión Europea a actualización dos anexos cando se identifiquen novas especies ou hábitats prioritarios relevantes. “Esta omisión ten graves consecuencias na súa protección actual e futura”, subliña a eurodeputada do Bloque, quen considera que a DIA non avalía adecuadamente o impacto do proxecto sobre estas especies e os seus hábitats, e as medidas compensatorias propostas carecen de validación científica.
Tanto esta nova pregunta como a carta dirixida a Ribera enmárcase na ofensiva que o BNG está levando a cabo nas distintas institucións contra a instalación de Altri en Palas de Rei de forma simultánea á contestación social que está recibindo este proxecto en Galiza. Así, esta ofensiva nas institucións europeas comezou en abril de 2024 cun encontro celebrado na Comisión Europea entre unha delegación galega e representantes da CE, en concreto do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental.
Esta ofensiva continuou coa presentación de varias preguntas parlamentares dirixidas á Comisión Europea así como coa entrega á Vicepresidenta Executiva da CE para unha Transición limpa, xusta e competitiva, Teresa Ribera, dunha carta na que solicita unha reunión cos colectivos que se opoñen á instalación da macrocelulosa, así como un informe que explica polo miúdo as consecuencias deste proxecto da empresa Greenfiber.