Galegas 2016

O BNG propón o GALTREN como solución de futuro para unir vilas e cidades

Monforte
Monforte
  • Olalla Rodil, candidata do BNG por Lugo, e Noa Presas, candidata por Ourense, transladaronse a Monforte para presentar esta innovadora proposta
  • As candidatas nacionalistas sinalaron que “as conexións ferroviarias pensadas dende Madrid non solucionan os nosos problemas de mobilidade interior”

Olalla Rodil, candidata do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 25 de setembro, participou, xunto coa candidata por Ourense, Noa Presas, nun acto en Monforte para presentar o programa do BNG no referido ás comunicacións ferroviarias “propomos crear o GALTREN, unha entidade plenamente pública, dependente do Goberno galego, onde se aglutinen todos os servizos ferroviarios que transcorren por Galiza, reclamando a transferencia dos medios materiais e humanos dos actuais servizos (RENFE e FEVE)”.

As candidatas explicaron que “trátase de poder ampliar e mellorar as conexións entre as vilas e cidades galegas, cunha perspectiva tamén social e de equilibro territorial e non soamente economicista, como vén aplicando RENFE desde Madrid (lembremos que RENFE abandona vías antieconómicas, e mesmo durante anos esixiu a través dun convenio á Xunta que compensara o mantemento de liñas deficitarias)”.

Para o BNG “o GALTREN está chamado a ser o tren de referencia de Galiza nas conexións entre vilas e cidades, superando a fragmentación entre FEVE e RENFE, pois con independencia do largo da vía e do diferente material rodante, permitirá un coordinación entre servizos, ao ter unha dirección operativa única” Olalla Rodil explicou que “Galiza non conta con tren de cercanías porque así o vetan en Madrid, ao contrario do que si admiten en zonas con poboacións próximas similares (non só contornas metropolitanas como as grandes cidades, tamén por exemplo no caso de Oviedo-Xixón-Avilés)” e “iso impide ter acceso a importantes subvencións e fondos, dado que no ámbito comunitario hai fondos específicos para o tren de proximidade, aos cales Galiza neste momento está vetada”.

A partir do 25 de Novembro “Galiza debe reparar ese veto de Madrid, esa negativa obstinada en negar que hai conexións interiores de proximidade” dixo Noa Presas e engadiu que “non pode manterse que ir de Vigo a Pontevedra ou entre Santiago e A Coruña sexa media distancia”. Só a creación duns servizos de proximidade ferroviarios propios, aglutinados no GALTREN, que sexa de plena xestión desde Galiza permitirá tamén reparar este agravio histórico, alén de ser a mellor vía para fortalecer os servizos ferroviarios interiores, tanto de pasaxeiros como de mercadorías.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG