Lobeira: “Non van conseguir o obxectivo de erosionar as expectativas electorais do nacionalismo galego que o 20D representa NÓS”

Cualifica de “intención política calculada” que a dirección do BNG sexa citada ante a Audiencia Nacional en plena campaña. “Querían a foto e xa a teñen”

BIEITO AUDIENCIA NACIONAL2O secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, compareceu ante a Audiencia Nacional citado a declarar en calidade de testemuña no curso dunha investigación que o xuíz Eloy Velasco ten iniciado contra a organización política Causa Galiza, en plena campaña electoral, pese a ter solicitado un aprazamento que só foi parcialmente atendido, -inicialmente estaba prevista a comparecencia o 14 de decembro-.

Lobeira indicou que o BNG non considera “casual” esta citación en véspera do 20D, que tamén inclúe ao portavoz nacional, Xavier Vence, aprazada a súa comparecencia ata o 21 de decembro. “Non é unha citación casual, nin na forma, nin no tempo. Buscaban unha foto de dirixentes do Bloque entrando na Audiencia Nacional e conseguírona”, salientou á entrada da AN.

“Consideramos escandaloso que un tribunal de excepción como a Audiencia Nacional, teña a intención política clara, calculada e descarada de desacreditar ao nacionalismo galego e de erosionar as expectativas electorais da súa expresión nestas eleccións que é NÓS-Candidatura Galega, é o único motivo que explica que hoxe este eu aquí”, denunciou Lobeira, quen tamén lembrou que o xuíz Eloy Velasco foi alto cargo do PP “e pon en marcha unha estratexia deseñada no laboratorio de ideas do PP coa finalidade de que o nacionalismo galego non teña presenza no Congreso”.

“Queren borrar calquera presenza do nacionalismo galego como a que representa NÓS-Candidatura Galega, porque é a alternativa nacionalista que lles molesta, orgullosa do país e defensora das clases populares deste país”, indicou. “Ter que dar explicacións pola cuestión que se investiga é esperpéntico e, en todo caso, quen debería dar explicacións é o PP que non ten escrúpulos á hora de exercer a violencia contra a parte máis débil da sociedade galega: pensionista, mocidade, clases traballadoras que reivindiquen os seus dereitos na rúa”, argumentou Lobeira.

BIEITO AUDIENCIA NACIONALO secretario de organización do BNG augurou o fracaso do PP no seu intento de erosionar ao nacionalismo galego. “Poden utilizar a Audiencia Nacional, o Tribunal de Cuentas, pero non o van conseguir porque o pobo galego coñece o traballo incansable en defensa do país sempre de xeito democrático e pacífico”, recalcou, “e non van conseguir erosionar electoralmente a alternativa nacionalista para o 20D de NÓS-Candidatura Galega”.

Nin colectivamente, nin persoalmente coñece detalle algún da investigación pola que son citados os cargos do BNG a causa aberta 120/2015, explicou Lobeira, quen indicou que o Bloque ten contactos con todas as forzas política, PP incluído. “É o PP quen debería declarar ante a AN pola violencia que exerce contra as persoas que se manifestan na rúa polos seus dereitos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG