Jorquera: "Sr. Feijóo, o seu problema son as fotos"

Francisco Jorquera

Na pregunta sobre corrupción ao presidente, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou a Feijóo cando pensa dar explicacións sobre “as súas amizades perigosas” e as fotos que confirman esas amizades 

Pleno.- O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe ao Presidente da Xunta polos diferentes casos de corrupción que afectan ao Partido popular, tanto no Estado como en Galiza e asegurou que o problema do presidente da Xunta “son as fotos” e as súas amizades perigosas como Marcial Dorado ou Pachi Lucas das que segue sen dar explicacións.

Vostede, dixo o nacionalista, declarou nunha entrevista que o Partido popular tivo unha “resposta morna” en moitos casos de corrupción e engadiu que “nos faltou astucia e audacia para anticiparnos a estas cuestións e reaxir sobre as mesmas” pero, matizou Jorquera, vostede referíase ao Estado a pesar de que en Galiza a corrupción tamén salpica ao seu partido.

 Ante os casos de corrupción en Galiza, “Feijóo mira para outro lado”

No que levamos de ano, explicou Jorquera, o Tribunal Supremo confirmou a condena a seis anos de cárcere a Marcial Dorado por branquear diñeiro, Pachi Lucas foi imputado tamén como presunto conseguidor da trama ZETA e o Presidente da deputación de Ourense, José Manuel Baltar, imputado pola comisión de dous presuntos delitos, suborno e tráfico de influencias ao que agora se engade outro por acoso sexual e vostede, segue sen explicar as súas “amizades perigosas” con Pachi Lucas e Marcial Dorado e “mirando para outro” lado sobre a imputación de Baltar ao tempo que premia como asesor da Deputación en Pontevedra ao dobremente imputado Rafael Louzán.

Francisco Jorquera

Ademais, engadiu o nacionalista, “mira tamén para outro lado” ante os indicios de que o Partido popular galego sexa unha peza central na trama do financiamento ilegal do PP.

Na súa intervención, Jorquera referiuse as operacións Taula e Púnica, ao escándalo de ACUAMED, Rodrigo Rato ou Alfonso Grau e mentres isto ocorre, dixo, “Feijóo pide perdón como político polo teatro das negociacións para formar goberno en Madrid cando ata Esperanza Aguirre dimitiu e pediu perdón sinalándolle o camiño ao Sr.Rajoy”.

Non se decata, reiterou o deputado, que o seu partido mentres non se rexenere está inhabilitado para gobernar?.

O problema de Feijóo son as fotos comprometidas

O seu goberno aprobou leis par combater a futura corrupción para encubrir a “súa inacción ante a corrupción presente”. Non é o BNG quen acusa ao PP de Galiza de financiamento ilegal, son “Naseiro, Pablo Crespo, Modesto Fernández e outros militantes do seu partido”.

Jorquera formula a pregunta a Feijóo

Non é o BNG , recalcou Jorquera quen revelou a súa relación con Marcial Dorado, “é unha foto”. Pero tamén hai outra foto, que o portavoz nacionalista amosou dende o escano, an que “aparece Feijóo abrazado ao Presidente de Iberdrola” no mes de abril do ano 2009. No mes de febreiro Iberdrola pedía a suspensión do concurso eólico, e en agosto, despois de “tan tenro abrazo”, a Xunta anula aquel concurso, anulación que agora o Supremo ratifica que “foi ilegal”.

Sr.Feijóo, “corrupción tamén é supeditar o interese público a intereses privados” e vostede responderá que aínda que Iberdrola só conseguiu dous megavatios co novo concurso, “iso non é relevante” o realmente importante é que conseguiu “tirar abaixo un modelo de participación pública” e un modelo que podía converterse en referencia para outros territorios.

Finalmente, o portavoz parlamentario do BNG acusou a Xunta de Feijóo de incorrer en “desviación de poder”, arruinar o sector e estar obrigados a facer fronte ás indemnizacións, “vostedes si que crearon inseguridade xurídica”, concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG