Jorquera: “Feijóo tirou por terra o prestixio de Galiza no Sector eólico"

Francisco Jorquera

O portavoz do G.p do BNG, Francisco Jorquera preguntará a Núñez Feijóo polas súa responsabilidade ante a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarando “ilegal” a suspensión do Goberno de Feijóo do concurso eólico do Goberno Bipartito ademais de acusar ao Goberno da Xunta de “desvío de poder”

Comparecencia de Jorquera tras a Xunta de Portavoces

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación tras a Xunta de Portavoces onde anunciou que a pregunta do BNG ao Presidente Feijóo será para pedir responsabilidades polas mentiras verquidas pola Xunta contra a ilegalidade do Concurso eólico do Goberno Bipartito, mentiras, dixo, que agora o Tribunal Supremo pon de manifesto ao declarar “ilegal a suspensión”, por parte da Xunta de Galiza.

 Jorquera afirmou que “Feijóo chegou á Xunta empoleirado en mentiras ” e entre elas as utilizadas para tombar o concurso eólico cando en realidade, dixo, “o que foi ilegal foi a súa anulación”.

Para o nacionalista, Feijóo “botou por terra o prestixio de Galiza neste sector” por unha decisión “sectaria, caprichosa e que saíu moi cara a tod@s os galeg@s” por que pode dar lugar a unha cascada de peticións de indemnizacións polas empresas.

Francisco Jorquera

Consecuencia daquela decisión, engadiu, produciuse “o fiasco” das renovábeis nun sector estratéxico para Galiza e recalcou que o Goberno Feijóo anunciou o investimento de 5.953 millóns de euros e a creación de 13.200 postos de traballo co novo concurso, “Galiza perdeu o liderazgo no sector”, sentenciou.

O PP segue cunha práctica política que a sociedade galega denosta

O deputado aludiu ao acontecido na Xunta de Portavoces na que o PP propuxo celebrar un pleno o vindeiro luns para elixir un senador por designación do Parlamento ademais de cubrir as vacantes no Consello de Contas. Con este proceder, dixo o deputado fúrtase aos grupos parlamentarios fixar a súa posición. Hai cuestións que clarificar no C.Contas, “máis urxentes” como a duplicidade de funcións de Dositeo Rodriguez, vocal do Consello de Contas e directivo da Fundación Camilo José Cela, que recibe fondos públicos e agora “imputado” por presunta prevaricación.

Este non é o xeito de proceder nunha democracia, recalcou o nacionalista, con “pactos ás costas da Cámara” para ser posteriormente aprobados nunha sesión de rutina. É evidente que o PP e PSOE seguen faltando claramente ao respecto do Parlamento e á sociedade galega.

O BNG pide unha comisión de investigación sobre a Fundación Camilo José Cela

Finalmente, Francisco Jorquera anunciou diversas propostas que serán debatidas na vindeira sesión plenaria á iniciativa do BNG entre as que destacou: a Proposición de lei para prohibir o uso de munición con chumbo na caza, a irregular contratación de medios áreos para o dispositivo contra contra os incendios, as accións do Goberno sobre a restitución do préstamo universal e gratuíto de libros de texto para o vindeiro curso, iniciar un novo proceso para seleccionar a praza de director do CGAC, a situación sobre tributos de pensións dos emigrantes retornados e unha pregunta sobre a investigación xudicial relativa á Fundación Camilo José Cela. Neste sentido, avanzou que o BNG solicitou crear unha Comisión de investigación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG