Jorquera esixe que os ex-directivos das caixas devolvan as indemnizacións

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, demandou hoxe que os ex-directivos das caixas galegas “por ética, devolvan as indemnizacións” millonarias que percibiron.

Jorquera lembrou que “aínda fican 33 millóns de euros en concepto de dereitos de xubilación pendentes de cobro”, o que considerou “atenta contra a ética, contra os principios elementais da moralidade”.

Neste sentido, considerou “necesario que restitúan o percibido e que non haxa estes beneficios”. Ademais, volveu defender que “se abra unha investigación no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego para depurar responsabilidades pola desfeita do sector financeiro”.

A Banca Pública Galega é a única alternativa para Novagalicia Banco

Por outra parte, afirmou que “a única alternativa que garante que Galiza teña entidades de aforro propias, que o aforro galego non se espolie e que se invista na economía produtiva é transformar Novagalicia Banco nunha Banca Pública Galega”.

Jorquera subliñou que “é posíbel se existe vontade política, porque o capital público do Estado xa ten máis do 90% do accionariado e co rescate bancario via ser aínda maior”.

Defendeu que “o que non pode ser é o que quere facer o PP: socializar as perdas das malas prácticas financeiras no conxunto da sociedade a través de recortes, para que logo os beneficios sexan privados e esas entidades sexan entregadas a entidades privadas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG