Jorquera asegura que o Goberno galego "está esgotado"

No balance da primeira metade de Lexislatura, o portavoz do G. Parlamentario do BNG denunciou que o Goberno galego carece de axenda propia e coa mirada posta sempre en Madrid

Jorquera comparece ante os medios de comunicación

Antes os medios de comunicación para valorar a primeira metade da lexislatura galega, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera destacou os “síntomas de esgotamento” do Executivo e a carencia “dunha axenda propia para Galiza”.

 Para o nacionalista, o Goberno galego funciona como “unha xestoría” que tenta resolver as cuestións día a día e sen previsión e como delegado do Goberno de Rajoy. Feijóo, dixo, “non ten outro intereses máis que abrirse un oco en Madrid” oficiando de tertuliano ou comentarista de actualidade.

Galiza ausente   das cuestións importantes

O parlamentario tamén afirmou que o Goberno de Núñez Feijóo non reclamou unha soa competencia e aceptou “sen rechistar” a continuidade dun sistema financeiro ruinoso para o noso país. Ademais continua no camiño dos recortes para desmantelar os servizos públicos, como evidencia o caos sanitario que estamos a vivir.

Neste sentido, anunciou que o BNG solicitou a reunión da Deputación permanente para reclamar que o Presidente da Xunta compareza “nun pleno extraordinario” e explique as deficiencias na atención sanitaria nos servizos de Urxencias dos hospitais galegos.

O Goberno galego segue “botando balóns fora” e culpa do caos sanitario a “gripe por adiantarse” e os doentes por non vacinarse. Para a titular de Sanidade, nun “exercicio de indecencia” , engadiu Jorquera, todo funciona de marabilla aínda que houbo “un problema de confort”.

O BNG pide unha tarifa eléctrica galega para abaratar os recibos da luz

O parlamentario explicou que a baixada do crú, apenas tivo impacto nas persoas consumidoras e pese a termos unha refinería, “seguimos pagando máis polos carburantes”. Por outra parte, miles de familias e empresas non poden asumir as facturas eléctricas polo que anunciou que o BNG pedirá no Parlamento abrir o debate da implantación dunha tarifa eléctrica galega destinada a reducir os recibos da luz.1

En alusión ao desemprego reiterou que Galiza encabezou no ano 2014 o paro rexistrado e a caída do índice de produción industrial.

Se o PP puidera, disolvería o Parlamento sen convocar eleccións

Jorquera non eludiu o debate sobre unha posible redución de escanos no Parlamento galego proposta polo Partido popular e dixo que ao PP “moléstalle o pluralismo”. Se puidera, remarcou, “disolvería o Parlamento sen convocar eleccións”.

O deputado acusou a Feijóo de incumprir o seu compromiso de comparecer para falar da corrupción ao que sumou a negativa do PP a crear unha comisión de investigación sobre os escándalos dos cursos de formación e non reabrir a comisión das Caixas a pesar da nova documentación presentada sobre prácticas de saqueo nestas entidades.

Prioridades do traballo do BNG no próximo período

Oposición, “clara en contundente acompañada de alternativas” para que Galiza teña a voz que o Goberno lle nega nun novo modelo de financiamento baseado na responsabilidade fiscal plena, recuperar o plan de Normalización Lingüística, cambio rotundo de políticas económicas para abaratar o prezo dos combustíbeis e da enerxía eléctrica, crear un Instituto galego de crédito, rexenerar a democracia e defender os servizos públicos, concluíu o portavoz parlamentario

.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG