Jorquera acusa a Feijóo de "dimitir das súas responsabilidades como presidente"

Francisco Jorquera tras a Xunta de Portavoces

O portavoz do BNG no Parlamento aludiu ás declaracións de Núñez Feijóo no Foro “Nova Economía” nas que afirmaba que de reformarse a Constitución en favor dos intereses de Cataluña, “Galiza volvería facerse ouvir”.

Francisco Joquera tras a Xunta de portavoces

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acusou hoxe a Feijóo de “dimitir das súas responsabilidades de presidente” ao declarar que “Galiza volvería facerse ouvir” se a Constitución é reformada a favor dos intereses de Cataluña. Para o deputado, as afirmacións de Feijóo constatan que para o presidente do Goberno galego, “Galiza non ten que defender os seus dereitos, só os defenderá cando outras defendan os seus”.

Tras a xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno, Jorquera recalcou que existen numerosos exemplos do desleixo amosado por Feijóo para buscar solucións entre os que destacou os 8.000 millóns de euros perdidos dende a entrada do novo sistema de financiamento, non exercer as competencias exclusivas en Pesca e Agricultura, ou o crédito concedido polo Estado que representa a metade en Galiza fronte o estatal, “estabamos moi mal e imos peor”, afirmou.

O Goberno galego, correa de transmisión dos ditados de Rajoy

O parlamentario reiterou que as afirmacións do presidente no Foro “Nova Economía”, ilustran a súa actitude e a súa maneira de usar as institucións de autogoberno “en contra dos fins para os que foron criadas”. Na súa opinión, Feijóo reduciu o Goberno galego a unha simple “correa de transmisión dos ditados de Rajoy”.2

Jorquera avanzou que na vindeira sesión plenaria preguntará ao Presidente Feijóo se pensa que o pobo galego espera del que sexa “un mero espectador”do que outros propoñan para que Galiza volva a facerse ouvir.

Debates á iniciativa do BNG

Sobre os debates propostos polo BNG, Jorquera anunciou a proposición non de lei para presentar ante o Congreso sobre a transferencia a Galiza da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta, a creación dunha comisión de investigación relativa á Fundación Camilo José Cela e a problemática do Sector naval na Ría de Ferrol.

Asemade, o BNG interpelará á Xunta sobre o peche de camas hospitalarias nos meses de verán e os recortes en educación. Finalmente, tamén preguntará sobre a discriminación laboral e “represión política” a unha compañeira de Pazos de Borbén por ter participado nunha candidatura do BNG ás eleccións municipais e as solución propostas pola Xunta para o mantemento dos dereitos de pesca da flota do cerco.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG