A ILP contra a pobreza enerxética apoiada polo BNG acada a unanimidade na Cámara galega

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo na tribuna de convidados durante o debate da ILP

A deputada Carme Adán mostrou o apoio do BNG á ILP defendida polo responsable de Industria da CIG, Fernando Blanco destinada a garantir a enerxía como “servizo público e contra a pobreza enerxética”. A ILP acadadou a unanimidade da Cámara galega para a súa tramitación parlamentaria.

Fernando Blanco defende a ILP contra a pobreza eléctrica

A parlamentaria do BNG, Carme Adán mostrou o apoio do BNG á Iniciativa Lexislativa Popular defendida hoxe, na Cámara galega polo responsable de Industria da CIG, Fernando Blanco destinada a abaratar a enerxía galega porque  Galiza, afirmou, “sofre as consecuencias sociais e medioambientais de ser produtora e exportadora, pero non obtén a cambio ningunha compensación nin para a súa economía produtiva nin para a súa poboación”.

Previamente ao debate da Iniciativa Lexislativa Popular, o portavoz parlamentario do BNG Francisco Jorquera e a portavoz de Industria, Carme Adán mantiveron un encontro cun amplo grupo de membros da CIG concentrados nas inmediacións do Parlamento galego coincidindo do debate da proposta no Hemiciclo.

Na súa intervención, Carme Adán explicou que o grupo parlamentario do BNG defendeu na Cámara diversas iniciativas para reclamar unha tarifa eléctrica galega que beneficiaría ás familias e empresas pero en todas elas, o PP votou sistematicamente en contra argumentando que sería “unha discriminación para o resto do Estado”.

Francisco Jorquera e Carme Adán

Asemade, a nacionalista lembrou que o pasado 22 de xaneiro propuxo elaborar un estudo para valorar os beneficios e a “implantación real da tarifa eléctrica galega diferenciada”. O INEGA, dixo, sería o centro adecuado para elaboralo e dende o BNG, en reiteradas ocasións, xa incluímos unha emenda nos orzamentos para realizar este traballo.

Contar cos datos e cunha análise exhaustiva desta posibilidade, “sería bo para abordar o debate” porque o prezo da luz segue subindo e durante a crise a electricidade subiu “trinta veces máis que o pan ou dezasete veces máis que as verduras”. Dos bens de primeira necesidade para as familias, recalcou, Adán “a electricidade é o que máis subiu dende o ano 2008 ao 2015 nun 52%”.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo na tribuna de convidados durante o debate da ILP

A subida constante do recibo eléctrico tamén conduce a “pobreza enerxética” e para o BNG o tiket eléctrico anunciado polo Goberno é “pura propaganda” xa que nin sequera resulta paliativo para as familias que a final de mes non poden pagar a luz.

Aprobada por unanimidade a toma en consideración da ILP

 A Iniciativa Lexislativa Popular acadaou a unanimidade da Cámara galega para a  súa tramitación parlamentaria que  conta  co aval de máis de 18.000 sinaturas,  a adhesión de 50 concellos e das deputacións  provinciais de Lugo,  A Coruña e Pontevedra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG