Grecia: Jorquera saúda o avanzo de Syriza e denuncia a inxerencia antidemocrática da UE

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, transmitiu hoxe a satisfacción que á formación nacionalista lle produce o importantísimo avanzo -até 10 puntos- de Syriza, como forza política que encarna a oposición ás políticas de rescate da UE.

Ademais, Francisco Jorquera denunciou que “a Unión Europea se está apartando do respecto aos principios democráticos básicos, porque intentou chantaxear a sociedade grega para que non decidise o seu futuro libremente”. “Unha actitude totalmente antidemocrática -advertiu- que se contaxiou aos medios de comunicación de moitos estados europeos, incluídos os medios públicos do Estado español, que foron manipulados ao servizo de intereses que non son os das maiorías sociais”.

Malia o resultado, a prima de risco española chega a máximos históricos

O candidato do BNG á presidencia da Xunta tamén ironizou sobre “o que se nos dicía de que o futuro económico ía depender do que acontecese en Grecia, dependendo se trunfaban ou non as forzas políticas máis adeptas aos intereses dos bancos da Unión Europea”.

Porén, subliñou que “hoxe a prima de risco española acada o récord histórico, con 570 puntos”. Polo tanto, Jorquera demandou que “bis deixen de tomar o pelo aos cidadáns, porque a única saída que ten esta crise económica é un xiro de 180 graos nas políticas económicas no ámbito da Unión Europea e do Estado español”.

http://youtu.be/Qtbkw84JP4Q

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG