Galiza precisa doutra banca: Pública, solvente e comprometida con este País

O voceiro de Economía do GP do BNG, Carlos Aymerich, defendeu este Mércores en pleno a necesidade dun banco público galego, construido sobre Nova Galicia Banco unha vez transferido o capital do Frob, para poder contar cunha entidade que teña “outra forma de facer”.

“Precisamos dunha banca pública –engadiu-, solvente e comprometida con Galiza, coa súa obra social e co seu investimento, que dea crédito en vez de impoñer comisións abusivas aos seus clientes e non caia en produtos como o das preferentes, que ten entrampados a máis de 43.000 pequenos aforradores”.

Comisión de Investigación

Aymerich, que interpelou á conselleira de Facenda sobre o mantemento do sistema financieiro galego, reiterou que o único anuncio que agarda o BNG e os cidadáns por parte do goberno do PP sobre este tema é que anuncie que deixan de obstaculizar a comisión de investigación sobre a xestión das caixas e comecen a comparecer os seus ex directivos.

“De onde ven o burato de máis de 4.500 millóns de euros? –preguntou- temos dereito a saber que fixeron cos nosos aforros”.

O deputado nacionalista lembrou que cando se descubriu o burato de Bankia, Feijóo pediu igualdade de trato para Nova Galicia Banco; o presidente non contou, explicou o parlamentar, que a Bankia se lle fixo un “traxe a medida”, á marxe da normativa vixente, “pois nós tamén queremos un traxe a medida pero dos intereses deste País, non dos de Castellano”.

Temos dereito a saber de onde vén o burato de 4.500 millóns de euros de NGB

Sistema financieiro fracasado

Neste sentido, insistiu na necesidade dun banco público como única alternativa a un sistema financieiro que fica demostrado que fracasou e boa proba deste fracaso, dixo, son os cinco decretos leis de saneamento e reestructuración que se levan aprobado dende 2009 sempre co acordo mutuo de PP e PSOE.

Para Aymerich, o problema é que non se pretendía sanear senón aproveitar a crise para impor un modelo pactado entre populares e socialistas baseado nun sistema financieiro centralizado e concentrado, “e malia o exemplo de Bankia non damos aprendido e seguimos teimando en privatizar as caixas e en favorecer máis fusións”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG