Galiza Nova presenta a vixésimo quinta edición das súas xornadas de formación de inverno

Cartaz xornada
Cartaz xornada

A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, e o Responsábel Nacional de Formación e deputado do BNG, Iago Suárez, presentaron este martes a vixésimo quinta edición das Xornadas de Formación de Inverno, que terán lugar os días 15 e 16 de febreiro en Arzúa. No acto tamén participaron Iria Carreira, deputada do BNG e responsábel comarcal na Montaña; Alba Regueiro, responsábel comarcal de Galiza Nova na Montaña; e Lucía López, responsábel nacional de organización do BNG e portavoz municipal de Arzúa.

O programa destas xornadas combina formación política, debate, convivio e actividades para coñecer a comarca e a súa realidade. Segundo Iago Suárez, “falaremos dos grandes desafíos ambientais que afronta Galiza, da importancia de mellorar as nosas capacidades técnicas de debate e argumentación política e, ademais, exploraremos o territorio visitando o concello de Arzúa e o concello de Santiso, gobernado polo BNG”. Suárez destacou que tamén se levará a cabo unha acción de protesta contra a instalación da macrocelulosa de Altri, advertindo que “de instalarse, suporía un impacto devastador no territorio”.

Presentación Arzúa
Presentación Arzúa

Pola súa banda, a Secretaria Xeral da organización xuvenil, Marta Gómez subliñou o valor destas xornadas como punto de partida do novo ano para a organización: “Tras un decembro de descanso e planificación, comezamos 2025 con forza. Estas xornadas son unha oportunidade única para aprender, debater e compartir experiencias entre mozas e mozos de todo o país”. Gómez engadiu que están abertas a calquera persoa de entre 15 e 30 anos, mesmo sen experiencia previa en política: “Sempre hai unha primeira vez para tomar partido”.

As actividades contarán coa participación de figuras destacadas, como Froilán Pallín, Secretario Xeral de ADEGA, ademais das xa mencionadas Lucía López e Iria Carreira. Marta Gómez tamén insistiu na importancia de coñecer o contexto local: “Queremos comprender mellor a realidade dos lugares que nos acollen, identificar os seus problemas e visibilizar ameazas como a da macrocelulosa de Altri, que non só afecta a esta zona, senón a moitas vilas do país”.

Desde Galiza Nova animan á mocidade galega a inscribirse a través dun formulario en liña ou contactando coa organización mediante o correo ou as redes sociais. A programación completa, que incluirá debates, obradoiros e visitas guiadas, será anunciada proximamente nas canles oficiais da organización.

“Estas xornadas están pensadas para que calquera mozo ou moza, sen importar o seu nivel de implicación previa, atope espazos de aprendizaxe, reflexión e acción colectiva”, concluíu Marta Gómez.

Cartaz xornada (grande)
Cartaz xornada (grande)

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG