Congreso

BNG exixe a Transportes rectificar a mudanza de material rodante e a redución de prazas no Eixo Atlántico

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama medidas para incrementar o número de prazas, frecuencias e horarios dispoñíbeis no Eixo Atlántico

Denuncia a decisión do executivo estatal polo grave prexuízo que suporá para as persoas usuarias do Eixo Atlántico, un corredor cunha elevada demanda na actualidade

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de urxencia para que o Goberno do Estado rectifique a súa decisión após coñecer o anuncio da mudanza do material rodante e a consecuente redución de prazas no Eixo Atlántico galego. Para a organización nacionalista, o executivo debe ir na liña contraria e incrementar tanto o número de servizos como de prazas neste corredor ante a alta demanda que ten na actualidade, ofrecendo un servizo de máis calidade, áxil e útil para a mobilidade diaria dos e das galegas.

Renfe fixo pública a súa intención de retirar seis comboios S-121 das doce unidades que operan no Eixo Atlántico na Galiza e substituílas por outras unidades de menos capacidade e máis lentas. De facerse efectiva esta decisión, os comboios restantes pasarían a cubrir a conexión AVANT entre A Coruña e Ourense e deixaría ao Eixo Atlántico con material rodante máis lento e con menos prazas.

Para a organización nacionalista, non existe ningún argumento que xustifique a retirada de parte dos trens que prestan servizo na Galiza desde hai unha década, nunha das liñas ferroviarias de Media Distancia –a do Eixo Atlántico- con maior demanda do Estado, tal e como recolle o último Informe Anual do Sector Ferroviario feito público pola CNMC.

“O BNG defende, igual que o conxunto das persoas usuarias, a necesidade de incrementar as prazas e frecuencias no Eixo Atlántico, unha liña en que está sobradamente constatada a alta demanda e a necesidade de ampliar os horarios, especialmente nas faixas de primeira hora da mañá, do mediodía e de última da tarde que coinciden cunha maior afluencia de mobilidade por coincidir cos momentos de principal tránsito diario da poboación para acudir ao seu traballo, estudios ou realizar xestións. Uns trens que, xa a día de hoxe, fican sen prazas en moitos horarios e nos que resulta imposíbel mercar billete dunha semana para outra” exixe Néstor Rego.

En opinión do deputado do BNG, o anuncio realizado por Renfe supón “un retroceso e un menoscabo para as necesidades do transporte ferroviario na Galiza” nun momento en que se necesitan políticas que aposten polo tren, por conseguir servicios ferroviarios de máis calidade, áxiles e útiles para a mobilidade diaria dos galegos e galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG