Francisco Carballo: na memoria de Galiza, sempre!

Galiza perde a un gran intelectual, historiador e pensador, o BNG tamén perde a un dos seus militantes máis veterano e máis xenerosos para con este proxecto colectivo

franciscoHoxe Galiza perde a Francisco Carballo, un dos historiadores máis importantes do século XX, unha persoa que traballou arreo para liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza, dunha Galiza como nación, dun nacionalismo de clase popular e traballadora, que só se pode construír co esforzo de todas e cada un de nós, como colectivo, como pobo.

Mais se Galiza perde a un gran intelectual e pensador, o BNG tamén perde a un dos seus militantes máis veteranos e máis xenerosos para con este proxecto colectivo, que loita por unha Galiza ceibe e popular.

Nun contexto socio-político adverso para a política e as/os políticos, Francisco Carballo afirmaba que vivía, amaba e apreciaba a política e estaba en contra dos que desvalorizaban a política, porque é a ferramenta imprescindíbel para a transformación social deste país. E neste sentido, coherente sempre co seu pensamento, axudou ao BNG desde o seus inicios, poñendo o seu grao de area para afortalar esta organización e para facela máis eficaz, política e socialmente.

Malia que fisicamente xa non estea connosco, si o estará o seu pensamento, a súa sabiduría e a súa xenerosidade con este proxecto colectivo que é Bloque Nacionalista Galego.

Na memoria de Galiza, sempre!

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG