"Formigueiros", rede de activistas de apoio a BNG-AA nunha campaña sen créditos, nin mailing masivo

Reunión de "formigueiros", activistas facendo traballo voluntario de campaña

Cunha campaña austera, sen créditos bancarios de ningún tipo e renunciando ao mailing masivo, BNG-Asembleas Abertas pon en marcha os formigueiros, unha rede de activistas integrada maioritariamente por persoas que non teñen carné do Bloque pero queren participar no desenvolvemento da campaña facendo traballo voluntario nos diferentes concellos como apoio ás candidaturas nacionalistas.

“Sei que podo prestar axuda, sexa ensobrando, dobrando folletos, pegando carteis, traballando en rede co resto dos compañeiros e compañeiras dos formigueiros, e quero facelo porque creo nun proxecto que leva moitos anos traballando polo país, tamén con erros, e por iso participo nos formigueiros porque é importante botar unha man non que se poda”, explicaba Laura Casal, estudante de xornalismo que participa no formigueiro de Compostela como apoio á candidatura que encabeza Rubén Cela, na súa primeira reunión de traballo.

Reunión de "formigueiros", activistas facendo traballo voluntario de campaña

A idea dos formigueiros xurde tras o proceso de asemblea abertas coa participación de moitas persoas que non teñen militancia no BNG pero que apostan polo proxecto político nacionalista de esquerdas para os concellos. “A idea e que se organicen por barrios, por parroquias, como queiran en función do concello do que se trate, que se coordinen por si mesmos e fagan as súas propostas de traballo de apoio á campaña da candidatura do seu municipio”, explica Eva Vilaverde, da Executiva nacional.

Conciliar compromiso político e sentido lúdico desde unha aposta polo traballo en equipa, informal, desde a perspectiva de que “a forza do BNG son ás persoas que defenden este país e confían na súa capacidade para construír unha sociedade mellor, neste caso desde os concellos”, subliña Vilaverde, resumindo a filosofía de traballo dos formigueiros, que o Bloque confía se manteñan como rede permanente de activistas de apoio máis aló do 24M.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG