Feijoó terá que dar contas na última sesión de control da súa incapacidade para combater o paro

Ana Pontón lamenta o veto do PP  ao debate no próximo pleno de dúas Iniciativas Lexislaturas Populares (Preescolar na casa e SOS Sanidade Pública), a investigar a xestión das caixas e a habilitar o mes de Xullo para o traballo parlamentar, cando a situación económica é tan crítica e se van adoptar decisións tan trascendentais nese período, que van afectar a Galiza, sen que poidan ser contestadas dende a Cámara.

O Bloque Nacionalista Galego aproveitará o último pleno deste período de sesións para pór enriba da mesa unha batería de iniciativas vencellas todas coa actual situación de crise, nomeadamente co principal problema que ten o país, o paro, e a incapacidade do goberno de Feijóo para facerlle fronte.

Así o explicou a voceira nacionalista na Cámara, Ana Pontón, quen denunciou a situación dramática e de verdadeira necesidade que sofren milleiros de galegos e galegas, cos que o presidente da Xunta asumira o compromiso de levar a Galiza pola senda da creazón de emprego.

Feijóo contaba aprobar con nota e suspende, pois o seu combate contra o paro se salda con Galiza entre as comunidades que máis destrúe emprego

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, lembrou que Feijóo non só asinou un contrato “persoal” e “moral” cos cidádáns neste sentido senón que, no seu momento, asegurou que rendiría contas do seu grao de cumprimento, agoirando aprobar con nota ao final da lexislatura.

“Mais a realidade –engadiu a deputada- é que máis ben suspende, porque o comportamento do paro en Galiza é moi negativo, sendo unha das comunidades onde máis emprego se destrúe, sumando xa 276.608 as persoas que non teñen traballo”.

A parlamentar pedirá, por tanto, na sesión de control que Feijóo que asuma a súa responsabilidade na Cámara, responda sobre os incumprimentos de dito contrato e aposte pola posta en marcha dunha política que xere emprego e apoie a capacidade produtiva do País.

Futuro do sistema financieiro

Para a deputada nacionalista, o futuro do sistema financieiro galego é outra das asignaturas pedentes de Feijóo nesta lexislatura, de aí o debate dunha moción nacionalista reclamando de novo a transferencia a Galiza da participación do Frob en NGB.

A iniciativa tamén busca a recuperación íntegra do 100 por cen dos aforros dos afectados pola fraude das preferentes, a devolución das indemnizacións millonarias dos ex directivos das caixas e a investigación da xestión que levou a estas entidades á situación actual.

Non é de recibo que os ex directivos das caixas comparezan antes no Congreso que no Parlamento galego

Neste sentido, Pontón lamentou o veto do PP, máis unha vez, a que o Parlamento acolla un debate sobre a necesidade de crear en Galiza unha comisión de investigación e criticou que o faga con argumentos “cínicos” e “falaces”.

Para a parlamentar, non é de recibo que os ex directivos das caixas vaian comparecer antes no Congreso que en Galiza, cando o goberno da Xunta é quen tiña a tutela sobre estas entidades.

Veto ás ILP SOS sanidade Pública e Preescolar na casa

Ana Pontón considerou que con esta decisión Feijóo está asumindo que é “cómplice” en todo o acontecido coa nefasta xestión das caixas e se está devaluando o papel do Parlamento, “unha actitude de menosprezo que tamén poidemos comprobar hoxe co veto do PP ao debate de dúas iniciativas lexislativas populares”.

Trátase, explicou a voceira nacionalista, das ILP en defensa de Preescolar na Casa e a da plataforma SOS Sanidade Pública, que contan cun importante apoio cidadán, “mais o PP non quere escoitar o que ten que dicir a xente e prefire menoscabar a democracia”.

Regulamento

A parlamentar denunciou, como outro exemplo da intolerancia do PP, que non se abordara a creación dunha ponencia para estudar a reforma do regulamento da Cámara, con aportacións de todos os grupos, e que non se habilitara o mes de Xullo para seguir traballando, malia a situación económica actual e as importantes decisións que se van adoptar neste período e que van afectar a Galiza sen que se lles poida dar resposta dende a Cámara.

Feijóo aínda non desvelou os termos do contrato con Pemex para o naval nin da proposta do novo Tax lease

Orde do día

Sobre os restantes asuntos da orde do día, Pontón salientou unha proposición non de lei sobre o futuro de Alcoa e dúas iniciativas sobre o sector naval (interpelación e pregunta), pois remata o prazo comprometido por Feijóo para saber se vai haber carga de traballo ou non para Navantia e non se coñece aínda nin a proposta de tax lease remitida a Bruxelas nin os termos do contrato asinado con Pemex.

O futuro do sector eólico, a privatización do servizo de salvamento marítimo, a supresión de prazas de ensino para o próximo curso e a redución de camas nos hospitais no verán son outros dos temas que levarán a pleno os nacionalistas no próximo pleno.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG