Feijóo reforza as deputacións cando a maioría da cidadanía está por que desaparezan

A Xunta de Galiza asinou este mércores un protocolo de colaboración coas Deputacións Provinciais co cal, e baixo a coartada da cooperación e colaboración institucional, o que en realidade se pretende é dar respiración asistida ás deputacións, unhas institucións provinciais que a maioría da cidadanía xulga como inservíbeis.

O BNG considera esta sinatura un paso atrás, ao modificar o papel das deputacións para as dotar de maiores competencias en detrimento dos concellos, cando iso non asegura mellor calidade de servizos, senón unicamente o a perpetuación de administracións que destacan polo uso clientelar que fan dos fondos públicos.

Coa coartada da crise dos concellos refórzanse as Deputacións, unhas administracións que se caracterizan polo uso clientelar dos fondos públicos

Ademais, esta sinatura coincide co anuncio feito polo Goberno central, consistente en aprobar unha reforma da Lei de Bases de Réxime Local, onde se pretende outorgar ás deputacións provinciais un papel chave na reforma do mapa local, encomendándolles a xestión de servizos dos concellos de menos de 20.000 habitantes, o que en Galiza significará que asumirían nada menos que competencias sobre servizos do 93 % (294) dos concellos galegos.

Solución irreal

O PP pretende -ante a política de recortes e insuficiencia económica para as administracións públicas que provoca a súa errada política económica- buscar unha solución irreal, cal é a de atribuír competencias a unha administración que non ten nin xera recursos por si mesma, xa que máis do 90 % dos ingresos das deputacións son transferencias procedentes doutras administracións.

A alternativa pasa pola supresión das deputacións e pola aposta clara en favor da comarcalización

O BNG considera que ese é un camiño errado e fracasado, xa que perante a insuficiencia de recursos económicos dos concellos para atender servizos públicos, agravada nos últimos anos como consecuencia da crise económica, faise imprescindíbel efectivamente racionalizar o aparello burocrático local, mais non con fórmulas que perseguen duplicidades de novo, senón apostando por outro modelo de administración local en base a un novo mapa de entes locais que prescinda das deputacións provinciais e avance na mancomunización e comarcalización de servizos locais.

Disfunción evidente

Non ten sentido a estas alturas pretender reivindicar e reforzar, como está a facer o PP, unha organización territorial e institucional dos entes locais no Estado español que apenas ten variado en case dous séculos, nin desde a perspectiva da súa función política, nin da súa racionalidade e eficacia administrativa, nin tampouco da súa adecuación á realidade de cada territorio.

O 90 por cento dos ingresos das deputacións son transferencias procedentes doutras administracións: son entes que xeran ineficiencia

As deputacións son unha disfunción evidente na actualidade, dado que a súa xénese foi a de asegurar una aplicación homoxénea da acción política do poder central, mais que desde os seus comezos supuxo una inserción artificial no territorio, desaproveitando a oportunidade de que outras realidades que presentan una maior cohesión, como é o caso das comarcas, fosen o marco de referencia para una organización territorial do poder local máis coherente.

Por iso o BNG rexeita, tanto o Protocolo asinado como a proposta de reforma da Lei de Réxime Local, xa que nin racionaliza as competencias nin a prestación de servizos senón que multiplica as situacións de competencias compartidas e/ou tuteladas que, na práctica, son unha fonte permanente de problemas, disfuncións e sobre-custes para a cidadanía. E por outra banda, avoga por afrontar una ambiciosa reforma da estrutura institucional local, axuntando racionalidade e austeridade de gasto público, encamiñada a configurar un novo mapa institucional local que adecúe os entes locais á nosa realidade e permita superar a actual delimitación e ás propias deputacións provinciais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG