Fegamp, espazo de colaboración entre concellos contra os recortes de servizos e de competencias

Xavier Vence con alcaldes e alcaldesas do BNG

O BNG considera a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como unha plataforma de colaboración de todos os concellos galegos en defensa da súa autonomía municipal e para enfrontar a estratexia de recentralización, recortes e privatización de servizos do PP, plasmada en particular na Lei de reforma local aprobada en solitario polo Goberno de Rajoy nesta lexislatura.

Xavier Vence con alcaldes e alcaldesas do BNG

“Fronte á estratexia recentralizadora do PP a favor das deputacións, no Bloque pensamos que os concellos teñen que xogar un papel moi importante na prestación de servizos á cidadanía como administración de proximidade, e apostamos por incrementar e non reducir a autonomía dos concellos”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen acompañou aos alcaldes e alcaldesas do BNG no acto de apertura da IX asemblea xeral da entidade.

A Fegamp “debe xogar un papel de contrapeso ante esa recentralización caras as deputacións que afonda na privatización de servizos, e fronte á política de Feijóo que desde a Xunta trata de impoñer reformas, cambios e taxazos, -como foi o de Sogama-, en contra dos intereses dos concellos que é o mesmo que dicir en contra dos intereses da veciñanza”, argumentou.

O Bloque subliña a importancia desta entidade “para unir” a todos os municipios do país na defensa da administración máis próxima.

“É un espazo de consenso e de colaboración dos concellos na defensa dos seus intereses comúns, coa integración e a participación de todos os perfís políticos dos municipios do país. Debe ser unha plataforma de defensa cooperativa dos intereses dos concellos, que debe ter a maior unidade posible”, indicou Vence, “con órganos de dirección representativos da pluralidade dos concellos galegos”.

Prioridades de traballo

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e os rexedores de Carballo, Evencio Ferreiro, e de San Sadurniño, Secundino García, serán os representantes dos concellos do Bloque nos órganos de dirección da Fegamp, en substitución de Francisco García, Sandra González e Severino Rodríguez.

Vence, Lores e Sandra González na IX asemblea da Fegamp

Desde a entidade municipal, o BNG traballará para contestar ás imposicións legais que limitan a autonomía dos concellos, suprimir as limitacións de investimento público en gasto social e de contratación de persoal, para poder atender os servizos que se prestan aos veciños e veciñas e, igualmente, apostará por abrir unha negociación coa Xunta para clarificar a prestación de servizos sociais que evite duplicidades e cun financiamento xusto.

Tamén entres as prioridades do Bloque, demandar da Xunta o compromiso de abrir unha negociación sobre o taxazo de Sogama, promover a lingua propia desde os concellos e colaborar na desaparición das deputacións pola vía de traspasar todas as competencias e servizos ben aos municipios, ben á Xunta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG