Ex ministr@s a soldo das eléctricas, unha corrupción que explica o espolio e a pobreza enerxética

VENCE E ADAN POBREZA ENERXETICA

187.000 galegos e galegas padecen pobreza enerxética e son incapaces de asumir o pago da factura de gas ou luz par ter os seus fogares en condicións de habitabilidade nos meses de frío. Unha realidade que contrasta cos beneficios “obscenos” das grandes eléctricas, -Endesa anunciou o maior reparto de dividendos da súa historia con 14.600 millóns de euros-, cunhas tarifas que subiron un 74% nos últimos anos, cinco veces máis que o incremento medio experimentado na UE.

Ante esta situación, o BNG propón un cambio da lexislación autonómica, en concreto da Lei 2/2012 de Protección das persoas consumidoras e usuarias, a debatir no actual período de sesións, para engadir varios artigos con propostas concretas.

Establecer por lei a definición de pobreza enerxética como a situación que sofre unha familia cando destina máis do 10% dos seus ingresos a pagar as súas necesidades enerxéticas. Segundo, a Xunta asumirá as facturas tras o aviso de corte do subministro e previo informe dos servizos sociais, que terá unha vixencia de seis meses renovables.

Isto como medida de urxencia, posto que o que defende o BNG é un cambio na regulación do sector eléctrico global a nivel estatal, para fixar unha tarifa eléctrica social con cargo ás empresas.

“A explicación de que teñamos unha lexislación tan favorable ás grandes eléctricas e tan desfavorable para a cidadanía é que o sector eléctrico dominou os sucesivos gobernos do Estado, débese a esa corrupción directa da presenza hoxe de trece ex ministros e dous ex presidentes do goberno na nómina das empresas eléctricas que se sentan nos seus consellos de administración a soldo de Endesa, Fenosa, Iberdrola”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence.

Nomes como Elena Salgado, Pedro Solbes, María Angeles Amador, Luis Carlos Croissier, Angel Acebes, Luis Atienza, Ana Palacio, José María Aznar ou Felipe González figuran entre os directamente vinculados ao sector.

As “nefastas” consecuencias do actual modelo é o “espolio” da cidadanía, e tamén das empresas produtivas, que teñen que pagar “dos seus petos” por unha dobre vía: como contribuíntes sufragando o denominado déficit tarifario e como usuarios, cunhas tarifas que son as máis altas da UE coa excepción de Chipre e Irlanda.

Prezos regulados

“O BNG defende un sector eléctrico público regulado con prezos fixados e con límites no reparto de dividendos. No caso de Galiza, unha tarifa eléctrica propia que nos permita beneficiarnos da condición de produtores e exportadores (33%) de enerxía”, demandou Vence, unha regulación alternativa a actual “de apoio a cooperativas de consumidores que podan xestionar produción alternativa en base a enerxías renovables e reste protagonismo aos oligopolios, cunha regulación alternativa a actual”.

Medida maquillaxe

A iniciativa lexislativa que o Bloque defenderá no Parlamento, explicou a portavoz parlamentaria de Industria, Carme Adán, pretende superar a “medida maquillaxe” do tícket enerxético da Xunta, “que non atalla o problema de que case o 20% das familias galegas non é capaz de apagar a factura da luz a fin de mes e non pode prender a calefacción nos meses de inverno”.

Adán considera que nun país “rico” en produción de electricidade grazas á explotación que as empresas fan dos recursos naturais de todos non pode permitir, “por xustiza social”, que haxa pobreza enerxética en case un 20% da poboación, de aí a proposta lexislativa que pretende sacar adiante na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG