A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, avanzou en que consistirán as emendas do Bloque ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, fondo que se están negociando actualmente, e destacou que estarán caracterizadas polo tratamento específico á pesca artesanal que inclúa unha definición máis ampla que a actualmente existente, baseada na dimensión da embarcación. “Nós imos propor que se teña en conta a actividade socioeconómica, a propiedade do barco, -xa que son propiedades familiares- a distancia da costa, -que é moi pequena-, o produto que pesca, e o uso de artes sustentables”, explicou.
A eurodeputada nacionalista explicou que desde o BNG tamén se solicitarán axudas pola paralización do sector debido aos temporais, as mareas negras, ou a improdutividade pola contaminación, como acontece na ría do Burgo. “Tamén pediremos que se estableza unha relación directa, ausente na normativa, coa política de augas”, engadiu, en relación á limpeza e coidado das rías para garantir a súa riqueza medioambiental e tamén produtiva. Fixo fincapé no que acontece na ría do Burgo, pero tamén na de Corcubión, Ferrol, Pontevedra e Vigo. “Falta incidir na sustentabilidade porque non hai relación coa Directiva de Augas e sobre todo da depuración de augas residuais”, destacou.
Ana Miranda urxiu a desenvolver o plan de pesca artesanal ”porque é a única maneira de salvar este sector”. Neste sentido subliñou que as e os seus representantes veñen a Bruxelas porque “están vivindo unha realidade dramática de non ter fondos suficientes para vivir e de non ter unha rexeneración dos fondo e de ver que os fondos europeos están mal investidos”. Neste sentido sinalou que acadou o compromiso de trasladarlle á Comisión un informe sobre a mala execución destes fondos.
“Imos facer un grupo de presión da pesca artesanal, porque vemos que está desamparada. Ímonos mollar pola pesca e o marisqueo”, salientou ao tempo que criticou que o Bloque en Europa “está facendo o que non fai a administración galega” polo sector pesqueiro de Galiza.
Xuntanza na Dirección Xeral de Pesca
A respecto da xuntanza que a delegación da pesca costeira artesanal galega mantivo hoxe coa xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Elisa Roller, e diversos responsables dos fondos e as cotas comunitarias, Miranda explicou que “serviu para que o propio sector traslade a problemática da pesca costeira galega e sobre todo para pedir un trato diferenciado da pesca artesanal para explicar que no marco do regulamento do FEMP este non reflicte a realidade galega”.
Por parte da pesca artesanal, Primitivo Pedrosa explicou que un dos problemas na xestión dos fondos europeos radica na excesiva burocracia que se lles esixe, o cal lles imposibilita en moitas ocasións cumprir cos prazos estipulados. A respecto da entrada en vigor da Lei de Desembarco, o 1 de xaneiro do vindeiro ano, Pedrosa destacou que se trata dun problema engadido para a pesca artesanal, que debe ser diferenciada da pesca industrial. “Pero a Dirección Xeral de Pesca da UE non é quen de solucionar este problema, senón que depende dos Estados Membros”, apuntou.
“A pesca artesanal, desde que entramos na Unión Europea, non existiu para ningún goberno, e agora seguimos sen existir, xa que toda a normativa que se está aplicando está orientada á pesca industrial, tanto polos descartes como polos TAC’s. Deixaremos de existir se isto segue así”, denunciou.
Responsabilidade das administracións
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o concelleiro de Mar de Fisterra, Xan Carlos Sar, fixeron fincapé na importancia que ten a pesca no desenvolvemento económico das súas respectivas comarcas, o Morrazo e a Costa da Morte. “É un sector que non só crea empregos directos, senón tamén indirectos, e a pesca morre teremos que coller as maletas e buscar a vida onde poidamos”, apuntou Sar, quen denunciou o desleixo por parte da administración galega e do Estado a respecto do sector pesqueiro galego.
“Hoxe descubrimos que parte dos TAC’s da Unión Europea dependen de que os Estados Membros tomen a decisión de facer o reparto de outro xeito. Non vemos ao Estado español reivindicar nada ao respecto”, denunciou o concelleiro de Fisterra, quen quixo poñer de manifesto o diferente proceder na Unión Europea do que acontece en Galiza. “A diferencia e que eu se pido unha xuntanza como concelleiro de Mar coa conselleira de Pesca non me recibe porque o Concello non ten competencias; porén, a diferencia é que a nós aquí recibíronos, escoitáronos e apuntaron o que lle dixemos”, apuntou ao tempo que si mantén o optimismo a respecto de que a visita sexa efectiva como o foi na exclusión do xeito, cando querían prohibir ese tipo de rede.
Leticia Santos, pola súa banda, alertou que “se non podemos vivir do mar, a desertización que se está producindo na Galiza interior ímola vivir na costa”. Ao seu xuízo, “non hai mellor forma de facer que Galiza acceda á cohesión que permitíndonos dos nosos recursos e de aproveitar cada euro que permitirlle vivir dos recursos que ten a man para asentar a veciñanza na súa terra”.
“É imprescindible que cada euro que se destina á pesca galega pase por diferenciar a pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura extensiva da pesca industrial, da pesca contaminante e da pesca que arrastra o mar”, subliñou a alcaldesa de Moaña. “En Galiza todas e todos vivimos do mar e esta cuestión debería tela clara o goberno galego e deixarlla clara ao goberno do Estado”, destacou.
Pola súa banda, Alfonso Alcaide, en representación da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia, instou á Comisión a ter en consideración que existe un regulamento da Unión Europea para potenciar as denominacións de orixe. “No mundo do mar é tamén posible levalos adiante porque ademais de garantir unhas mellores condicións de venda dos produtos tamén é relevante para as entidades de xestión”, apuntou.