Dura crítica de Rosana Pérez a Rosa Díez pola súa moción "con afán españolizador" en lingua

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna do Congreso para explicitar o total rexeitamento do BNG á moción da deputada de UPyD, sobre “a oficialidade do castelán como lingua común española”, iniciativa que vai na liña de asociacións como Galicia Bilingüe.

A deputada do BNG lembrou a Rosa Díez que en Galiza existe unha asociación que se constituiu fundamentalmente para crear un problema que nunca existiu”. Unha asociación, puntualizou, que “se inventou unha suposta discriminación do español en Galiza e cuxas manifestacións foron encabezadas, entre outros, por altos cargos do PP, como Ana Pastor, e Albert Riverea ou a Señora Rosa Díez.

Criticou a Rosa Díez cando en víspera dunha daquelas manifestacións, dixo que “había que pór límites ás imposicións lingüísticas de certas administracións que impiden, segundo vostede, a libre elección do uso das linguas oficiais”. E naquel momento, fixo un chamamento á sociedade para que “non deixase todo en máns dos políticos senón que debe collelos da solapa e pórlles límites”.

“Nunca obtivo representación en GZ porque descoñece o que é Galiza”

Pois ben, enfatizou, “agardamos que os cidadáns a collan pola solapa e lle poñan límites definitivamente. Límites ao seu afán españolizador”. E límites, subliñou, “a esa realidade paralela que crearon uns cantos sobre a imposición do galego que nada ten que ver coa realidade existente”. Así, ilustrou as súas manifestacións cos dados da dramática situación do galego: o monolingüismo en castelán esténdese como a pólvora e onde a porcentaxe de nenos que non falan nunca o galego incrementouse nos últimos anos en 18 puntos. Só un 13% dos nenos exprésase en galego.

Díxolle a Rosa Díez que a imposición “son as políticas educativas da Xunta que ten as consecuencias antes apuntadas”. A imposición, indicou, “encabézaa un Goberno central que nin siquera respecta a nosa toponimia senón que a deturpa”. “Vostede nunca obtivo representación institucional en Galiza porque non só descoñece senón que ignora totalmente a nosa realidade, tamén a lingüística”.

Denunciou que trouxera á última sesión plenaria do Congreso unha moción “que é máis do mesmo. Queren eliminar os nosos dereitos lingüísticos e criminalizarnos”. Afirmou que “a nosa lingua milenaria xa pasou por moitas Rosa Díez e por moitos UPyD antes, pero logramos mantela a base de exercer como o que somos, como galegos e galegas, que nada impoñemos pero que non consentiremos que nos impoñan”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG