Despedida de ESYCSA por participar nunha lista electoral do BNG

A traballadora da empresa ESYCSA formou parte da candidatura do BNG ás eleccións municipais no concello de Pazos de Borbén o que provocou a carta de despido disciplinario con efecto dende o 11 de xuño de 2015

Carme Adán e Maite Mouriño

 A parlamentaria do BNG, Carme Adán, acompañada da traballadora da empresa ASYCA, Maite Mouriño cualificaron de “persecución política” o despido disciplinario adoptado por Equipos de Señalización Y Control S,A baseado na participación da traballadora nunha lista electoral do BNG ao concello de Pazos de Borbén.

Para a deputada, o despido de Maite Mouriño responde a “motivos políticos” e representa unha clara “vulneración dos dereitos d@s traballadores/as”. A nacionalista explicou que tras a decisión da traballadora de participar como número tres na candidatura do BNG ao concello de Pazos de Borbén, un mes máis tarde recibe a carta de despido, un feito que o BNG porá en coñecemento do Goberno galego a través diferentes iniciativas parlamentarias nas que esixe a súa mediación coa empresa para a readmisións inmediata da traballadora.

O BNG esixe un pronunciamento do Goberno galego e a readmisión da traballadora

Adán esixe que o Goberno galego se pronuncie ante o que considerou “un despedimento por causas políticas” contra unha muller que despois de 11 anos no seu posto de traballo, e cun brillante currículo laboral, é despedida por exercer o seu “lexítimo dereito” a participar nunha lista ás eleccións municipais.

A empresa ASYSA pertence ao grupo ACS relacionada cun gran número de concesións públicas nos concellos galegos e que se gaba de contar co recoñecemento público de “respectar os dereitos dos traballadores e traballadoras”, abondou a nacionalista.

Mite Mouriño na rolda de prensa acompañada da deputada Carme Adán

Na súa intervención, a deputada tamén aludiu o grande esforzo e traballo realizado polas mulleres para poder participar nas listas electorais. A propia Lei de Igualdade obriga á paridade nas listas e aínda así, lamentou Adán, en Galiza só unha de cada cinco listas electorais estivo encabezada por unha muller, un 22%. As trabas na vida familiar e laboral “son maiores sempre para as mulleres”.

Finalmente, a deputada anunciou que o BNG pedirá ao Goberno galego que medie ante a empresa para a readmisión de Maite Mouriño.

Unha traballadora incomoda para a nova dirección de ESYSCA

Maite Martín denunciou que tras 11 anos de traballo foi despedida por “participar na candidatura do BNG”. Na empresa dedicada ás adxudicacións de VITRASA en Vigo, Zona Franca de Vigo, así como o mantemento da rede semafórica do concello de Vigo, alumeados públicos das zonas norte e sur do concello de A Coruña e Lugo ademais dos mantementos semafóricos de Nigrán, Gondomar, Tomiño e Redondela, a traballadora desenvolvía a responsabilidade dos sistemas de certificación e xestión como auditora interna e dos Sistemas Tics, ademais da carteira de novas proxeccións e oportunidades da empresa, un posto, dixo, que lle daba acceso a toda a información. A traballadora despedida asegurou que a súa presenza na empresa, pertencendo a un partido político non afín ao seu director xeral, Juan Manuel Martínez e o conselleiro do grupo Etra, José Fernández, “resultáballes moi incomoda”, polo acceso á información inherente ao posto que ocupaba.

Maite Mouriño tamén explicou que durante estes 11 anos deuse un cambio na dirección de ASYCA e o grupo ETRA e afirmou que coa anterior dirección nunca existiu “ningún problema” pola súa afiliación ao BNG, de feito, recalcou, a anterior dirección xa lle mostrou o seu total apoio ante o despido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG