Os deputados e deputadas do BNG celebraron hoxe no Parlamento a primeira reunión do novo curso político con toda a “máquina engraxada” para dar resposta a un período de sesións que vén marcado pola proximidade das eleccións autonómicas, unha “oportunidade histórica” que a forza nacionalista afronta co convencemento de liderar o cambio de rumbo que precisa Galiza.
“O Bloque quere facer historia coa primeira presidenta da historia de Galiza, liderando un proxecto transformador no País. E para conseguilo, o grupo parlamentar ten xa a maquinaria engraxada”, declarou o viceportavoz Luís Bará, que anticipou un “intenso traballo” das deputadas e dos deputados do BNG para facer posible o cambio.
Na súa primeira reunión do curso, presidida pola portavoz, Ana Pontón, o grupo parlamentar avanzou así a presentación de propostas “ambiciosas e transformadoras” para impulsar o autogoberno, a transformación tecnolóxica, o desenvolvemento industrial, o fortalecemento dos sectores produtivos ou a mellora dos servizos públicos esenciais. A axenda do cambio na que traballan xa os deputados e deputadas pasa tamén polas melloras na financiación de Galiza, un modelo fiscal máis xusto, un novo modelo enerxético ou medidas para a loita contra o cambio climático.
De maneira máis inmediata, segundo explicou Bará, o Bloque vai presentar neste comezo de curso iniciativas centradas en combater a grave situación económica, sanitaria, social e ambiental. Entre outras, defenderá propostas para axudar ás familias galegas a afrontar o gastos do inicio do curso escolar “fronte á parálise e desidia que demostra nesta materia o Goberno do PP, absolutamente insensible ás dificultades que atravesan os galegos e as galegas”, dixo Bará.
Outro dos fitos do novo período de sesións será o Debate do Estado da Nación, no que o Bloque exporá a súa alternativa de goberno e para un novo modelo de desenvolvemento do país “fronte a declive e o desastre das políticas do PP nos últimos anos”.