Davila: "Desde a reforma laboral os ERE´S non pactados aumentaron un 317%

Último trámite da Reforma Laboral: A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara para denunciar que os ERE´S non pactados se incrementaron un 317% e os traballadores afectados se multiplicaron por catro en relación ao ano pasado.

Ademáis, salientou a deputada nacionalista cando se dirixiu á Ministra de Emprego, “a súa reforma laboral logrou unha rebaixa salarial que sitúa o salario no Estado español nun 11% por debaixo da media da UE. A reforma laboral remataba hoxe definitivamente a súa tramitación despois de voltar do Senado.

Davila ironizou coa situación creada desde a aplicación do Real Decreto de Reforma Laboral sinalando que “con estes dados tan positivos sobre o benestar das maiorías sociais, hoxe se vai votar o proxecto de lei que, desde logo contará co voto en contra do BNG”.

Afirmou que o último trámite da reforma laboral vén a demostrar que “co PP todo pode ir a pior. A Lei saiu do Congreso pior, e volta do Senado pior”.

No concreto, Davila aludiu á reforma realizada no Senado na disposición final vixésima que introduce unha variación no cálculo da pensión. “Aproveitouse a tramitación na Cámara Alta para modificar a Lei de Seguridade Social que se reformou hai menos dun ano, e cambiar o avanzo que se lograra. O PP tira cunha cuestión que mellorou o cálculo dunhas pensións que nunca van a ser superiores á mínima, en referencia ás pensións por incapacidade permanente ou de xubilación”.

A deputada do BNG finalizou sinalando que “esta lei só servirá para empiorar a calidade de vida das maiorías sociais e é inútil para baixar o paro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG