Davila pregunta a Tejerina por que se excluiu de novo aos cefalopodeiros do Acordo UE-Mauritania

bng40020A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pregunta a Tejerina por que se excluiu de novo ao sector cefalopodeiro do Acordo de Pesca UE-Mauritania cando non hai razóns científicas para que fiquen fóra.

“Reivindicou a Administración española que a frota cefalopodeira galega voltase a ter licenzas para pescar no caladoiro mauritano? Levou o Goberno esta proposta á xunta da Comisión Mixta dado que non existen problemas de stock? Qué motivos alegou Mauritania para discriminar aos cefalopodeiros?”, son algunhas das preguntas que a deputada do BNG dirixe á Ministra.

Davila explica que na madrugada do venres 10 de xullo púxose fin á quinta ronda de negociacións entre Mauritania e a UE. Unha ronda que rematou cun novo Acordo pesqueiro para os vindeiros catro anos e reparte 98 licenzas entre 11 países, 50 para o estado español.

A historia repítese como en 2012

A deputada do BNG pón de manifesto que a frota cefalopodeira con base en Marín recibiu estas noticia con grande malestar, “sobre todo despois de que o Goberno español xerara certas expectativas e posibilidades de regresar ao caladoiro mauritano. Desde o Ministerio transmitiuselles que poderían obter licenzas para os cefalopodeiros posto que non existen fundamentos científicos para negar posibilidades de pesca á esta frota”.

Máis, lamenta Davila, “repetiuse o guión de 2012 e os barcos cefalopodeiros de Marín voltan a ser excluidos”. Lembra a parlamentar nacionalista que a decisión de excluir á frota cefalopodeira do Acordo de 2012 foi “unha decisión discriminatoria, e que en realidade se substentou en motivos de intereses comerciais de Mauritania, máis escorados a beneficiar a China. De feito, aínda que se alegaron problemas de stock, é de dominio público que barcos de pavillón chino pescaron cefalópodos no caladoiro mauritano”.

A parlamentar nacionalista pregunta a Tejerina por que se infundiron expectativas aos cefalopodeiros galegos cando ao final se quedou todo en auga de borraxas. “Que indicios tiña o Goberno para trasladarlles esas expectativas? Pode ser que o mesmo Ministerio se basease no razoamento lóxico de que non existen razóns cienatíficas para a negativa?”.

Critica a deputada do BNG que “se repita a mesma historia”. E que incluso o Goberno mauritano rexeitase a posibilidade de que a frota cefalopodeira regrese ao caladoiro reconvertida en arrastreiros de fondo e se adicase á pesca de pescada e outras especies demersales, algo que se fixo até o ano 2006”.

Reprocha Davila o desinterese do Ministerio para cos cefalopodeiros galegos, que nin citou no seu comunicado. Pregunta Davila a Tejerina pola parte do Protocolo que deixa unha porta aberta a que a Comisión Mixta creada a tal efecto “poida dar licenza para aquelas especies demersales que presenten excedentes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG