Davila pide a Tejerina "maior firmeza" na defensa da pesca galega no reparto de cotas 2015

DSC_0745A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara que demanda ao Goberno que defenda na ronda negociadora de setembro en Bruxelas un aumento das cotas que permita ao sector pesqueiro de cerco e de Gran Sol desenvolver a súa actividade pesqueira con garantías futuras.

Davila alude á negativa proposta da Comisión Europea sobre o reparto de cotas pesqueiras para o vindeiro ano 2015. “A proposta da Comisión Europea para os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) conleva importantes recurtes en especies de grande interese para a frota galega”.

A proposta é un duro revés para a pesca galega

A deputada do BNG salienta que “unha vez máis, estamos perante propostas que cargan contra importante sectores da nosa pesca como é o cerco e a frota que faena no Gran Sol”. Neste sentido, lembra que “chove sobre mollado, porque a frota de cerco xa está seriamente afectada polas reducións de cotas en diversas especies, e por riba coa pesquería da sardiña pechada desde setembro”.

Outras das grandes prexudicadas é a frota que faena no Gran Sol polos duros recurtes nas cotas de pescada, de rapante e de rape. A parlamentar nacionalista subliña, ao igula que o sector pesqueiro, que “non hai motivos de rigor científico para diminuir as cotas no Cantábrico Noroeste ou no Gran Sol porque o stock está en boas condicións. É de destacar a boa situación da pescada, polo tanto non existen razóns ligadas á problemas de biomasa”.

Por iso, Davila insta ao Ministerio presidido por García Tejerina que se reúna cos sectores afectados e escoite os seus plantexamentos. Pídelle unha actitude de maior firmeza na ronda negociadora de decembro a fin de que “a nosa pesca non perda posicións e posibilidades de traballo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG