Davila pide a Catalá xulgados especializados en delitos económicos e máis medios contra a corrupción

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, demandou ao Ministro de Xustiza, Rafael Catalá, a retirada dos dous proxectos de lei que hoxe se debatían no pleno de reforma penal: o proxecto de lei de modificación da Lei de Enxuizamento Criminal para a aplicación da xustiza penal e o afortalamento das garantías procesais, e o de regulamento das medidas de investigación tecnolóxica.

Davila criticou a reforma penal e a tildou de “tímido cambio na normativa procesal”, e reprochou a Catalá que “se deixe á marxe calquer compromiso de ampliación e modernización de medios materiais e humanos na administración de xustiza”. Tamén puxo en evidencia a falla dunha memoria económica para levar a cabo esta reforma.

Só se pode axilizar a xustiza penal con máis medios e xulgados

A deputada do BNG díxolle a Catalá que con estes proxectos apenas variará a tramitación dos procesos penais, “sobre todo no que atinxe á demora e as dilacións que sofren”. Neste sentido, resaltou que de nada sirve pór un límite temporal máximo cando non hai un reforzo de medios materiais nos Xulgados e Fiscalías. “É cuestionábel que vaia ser efectiva a axilización procesal propugnada através da fixación dun límite legal cando o único que permitiría maior celeridade nos procesos sería a existencia de máis xulgados especializados, equipas de especialistas e auditores de apoio e xuices en exclusiva”.

Nesta liña, Davila demandou a Catalá un aumentos dos medios nos xulgados. Pediu a adicación exclusiva para casos complexos de delitos de corrupción ou económicos, a supresión de aforamentos, os límites aos indultos ou a creación de xulgados especializados en determinados delitos, sobre todo de delincuencia económica.

Sinalou que se precisa unha reforma penal global pero o “Goberno limitouse a modificacións parciais, que se quedan cortas en relación ás demandas plantexadas desde o ámbito xurídico”. A deputada do BNG afirmou que esta reforma penal “está abocada ao fracaso porque non aborda unha reforma radical da xustiza criminal e non supón un incremento de medios e recursos humanos para acelerar a xustiza criminal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG