Davila insta a Tejerina a aprobar medidas para apoiar aos gandeiros fronte os abusos das industrias

OLAIA COMISION 003A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda a Tejerina medidas urxentes de apoio ao sector agro-gandeiro cuxa difícil situación en relación aos prezos do leite en orixe empiorou a raiz da finalización do sistema de cotas lácteas o pasado 1 de abril.

Nesta liña, Davila pide á Ministra de Agricultura que aprobe un Fondo de Compensación destinado aos productores lácteos. A deputada do BNG enfatiza que “as consecuencias do remate do sistema de cotas lácteas deixaron en papel mollado os dereitos de produción dos gandeiros e gandeiras, obrigados a adquirir cota de leite para competir nun sistema que agora a UE finiquita. Todo o carto investido na adquisición de cota fica reducido a cero e deixa a miles de explotacións lastradas endebedadas para nada. Moitas están lastradas con hipotecas pola compra de cota ou por investir na ampliación das instalacións para facelas competitivas”.

Davila pón de manifesto que se están a cumprir todas as negativas previsións sobre as que o sector viña advertindo desde hai meses polo remate das cotas. Sinala que o grave problema dos baixos prezos do leite en orixe “agravouse coa finalización do réxime de cotas. A volatilidade dos prezos empiorou e os gandeiros son presa da mala praxe das industrias e das cadeas de distribución”.

O Ministerio non fixo nada a pesar de que viña unha situación previsíbel

Reprocha á Ministra non ter adoptado medidas “de ningunha caste para facer fronte á unha situación previsíbel”. Salienta que o sector galego percibe os prezos máis baixos de todo o estado cando Galiza produce o 40% da produción láctea do estado. Acusa ao Goberno de “impasibilidade mentras as industrias impoñen contratos lixo”.

Tamén pón enriba da mesa outro dos problemas que preocupa ao sector. “O poder que están adquirindo os denominados primeiros compradores, intermediarios entre os gandeiros e as industria que xa controlan máis dun tercio da produción. O seu ascenso é un elemento de grande preocupación entre o sector e incluso parece preocupar ao Ministerio”. A súa incentivación atribúese a un intento da industria de buscar fórmulas para eludir a normativa”.

Razón pola que a deputada do BNG pregunta se vai adoptar medidas en canto a o tema dos intermediarios.

Davila insta á Ministra a abrir unha mesa de diálogo co sector agro gandeiro, escoitar as súas demandas e telas en conta a fin de “pór fin á situación de extrema vulnerabilidade que padece o sector fronte ás industrias lácteas e cadeas de distribución”. “Non cre necesario adoptar medidas para equilibrar un pouco a balanza, sempre do lado das industrias?

“Non cre a Ministra de que é hora de que se aprobe un paquete de medidas eficaces, que supoñan un auténtico apoio á actividade dos gandeiros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG