Davila cualifica a reforma fiscal de "cálculo eleitoralista" e critia a "cortedade de miras do PP"

FALANDO ESCANO 1Madrid, 20 Xuño 2014. A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou hoxe en relación á Reforma Fiscal que o Goberno levou ao Consello de Ministros que “é puro cálculo eleitoralista, unha reforma demagóxica e para saír ao paso das diferentes convocatorias eleitorais do vindeiro ano 2015”.

“Pénsese que despois de subir o IVE de maneira brutal neste dous últimos anos e asfixiar literalmente ás maiorías sociais da poboación, o Goberno do PP limítase a facer unha reforma fiscal para saír ao paso do varapao eleitoral que sufriu nas pasadas elecións europeas, unha reforma fiscal que casualmente non entrará en vigor até o 2015, ano de múltiples citas eleitorais”.

Unha reforma que entrará en vigor no 2015, ano de citas eleitorais

Davila lamenta que “máis unha vez se faga eleitoralismo barato cos impostos que é algo moi serio”, e lamente que “máis unha vez se perda a oportunidade de realizar unha reforma fiscal máis progresiva, redistributiva e máis xusta”. Olaia Fernández Davila tomou prestadas as palabras pronunciadas o outro día por Rajoy para cualificar a reforma fiscal de “política pequena” e censurar a “cortedade de miras do Goberno popular”.

Desde logo, “os grandes beneficiarios desta reforma fiscal van ser as rendas altas e as grandes empresas”.

A deputada do BNG avanza que “se as grandes empresas xa pagaban pouco dada a maraña de deducións existente, van pagar moito menos coa baixada do tipo efectivo. As grandes compañías van pagar menos impostos que as PEMES”, o cal, puntualiza, “xa di moito dun Goberno que atende coidadosamente aos intereses dos de arriba”. De feito, sinala Davila, os que máis gañan van ser os máis beneficiados, “por riba de mileuristas e de rendas baixas. Proporcionalmente, vanse beneficiar dun maior aforro fiscal”.

En relación á perda de ingresos que vai conlevar esta reforma fiscal e que segundo todas os cálculos feitos se situará entre 5.000 e 7.600 millóns de euros, a deputada do BNG pregúntase “cómo vai afectar esta redución da capacidade recadatoria nos servizos públicos, na sanidade e na educación. É evidente que o PP sempre baixa dun sitio para sacar doutro, e moito nos tememos que siga recurtando prestacións esenciais para a poboación, unha poboación cada vez máis empobrecida, con menos recursos, con salarios máis baixos”.

Davila sostén que a diminución de ingresos que conlevará esta reforma fiscal “é a antesala para incrementar os copagamentos en servizos sociais”. Nese sentido, lembra que nos vindeiros meses vaise negociar o novo sistema de financiamento autonómico, e xa que “através da reforma fiscal non se vai incrementar a recadación, suporá que as CC.AA terán que aceitar un marco cuns recursos á baixa para financiar servizos públicos fundamentais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG