Davila critica a Tejerina por "reducir nun momento de crise do lácteo o orzamento para GZ"

PLENO SAINDOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse esta tarde no Pleno á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para reprocharlle que “nun momento como o actual no que temos dous sectores fundamentais, o lácteo e a pesca, nunha profunda crise, vostedes reducen a partida destinada a Galiza en 19 millóns de euros”.

“Unha vez máis, o Goberno presidido por Mariano Rajoy, e como fixera o ano pasado, reducen as partidas destinadas ao noso territorio en materia agraria”, denunciou a deputada do BNG.

Davila fixo especial mención á situación pola que atravesa o sector lácteo con semanas de movilizacións e acións en demanda de prezos dignos, sinalando que “a súa crise é tan aguda que xa non é crise, é ruina. Gandeiros e gandeiras que perciben prezos do leite por debaixo dos custes de produción”. Por iso, recalcou, “víronse obrigados a aumentar as accións e as movilizacións como o están a facer estes días”.

Criticou o denominado preacordo do que fala o Goberno porque “os puntos pactados non son fiábeis para o sector por que non contan coas mínimas garantías como as medidas sancionadoras”. Davila apelou á Tejerina a “solucionar o grave problema do prezo do leite” porque desde o mes de xaneiro están a desaparecer miles de explotacións gandeiras. Nese sentido, puxo de manifesto que a primeiros de ano contabilizábanse 10.000 explotacións e agora son menos de 9.500. “Actualmente pecha unha explotación gandeira cada día”.

De aí que “non entendamos que reduzan o orzamento para Galiza cando xa reduciron os orzamentos en anos anteriores”. A deputada do BNG puxo en valor as propostas do BNG para paliar a situación crítica dos gandeiros e das gandeiras. Así propomos unha partida de 50 millóns, así como outras partidas para revalorizar os montes e programas de desenvolvemento rural.

A pesca e rexeneración das Rías

Ademáis, a deputada nacionalista referiuse á situación do sector pesqueira que tamén pasa horas baixas debido á diminución das cotas de pesca, como sucede co cerco. “A que agardan a facer algo? Están a agardar a que se movilicen?”, preguntouse Davila. Demandou a Tejerina que atenda as necesidades da pesca galega, outro do sectores importantes na economía galega.

Razón pola que o BNG propón unha serie de emendas con partidas destinadas a axudar á pesca galega.

No ámbito medioambiental, Davila aludiu ás actuacións incumpridas no que atinxe á mellora da calidade das augas como o caso da EDAR de Santiago que debía estar rematada en 2013. E tamén á necesaria rexeneración das Rías e do litoral de Galiza. Para este concepto o BNG plantexa unha partida de 25 millóns de euros.

Censurou ao PP por adicarse só a falar e a dicer que “quere resolver o enorme deterioro da Ría de O Burgo e logo non destinar partida algunha a esta cuestión”. Lembrou que pende sobre o estado español unha multa da UE por non cumprir os prazos de mellora da calidade das augas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG