Davila critica o parón da Lei de Violencia de Xénero e pide a Alonso máis políticas educativas

olaia4007A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou este mediodía a ralentización no desenvolvemento da Lei Integral de Violencia de Xénero que se observa nestes últimos anos de goberno do PP, e demandou a Alonso o impulso de políticas educativas para “erradicar esta lacra da sociedade”.

A deputada do BNG centraba a súa intervención nestes dous aspeitos durante a comparecencia do Ministro de Sanidade, Políticas Sociais e Igualdade no Congreso.

En primeiro termo, a deputada do BNG tivo palabras de lembranza para as 28 mulleres e nenos que foron asasinados este ano a máns de homes. En especial, lembrou o asasinato de Divina Mendes o domingo pasado en Vigo, última vítima da violencia de xénero.

Davila puxo o foco de atención no ámbito educativo e nas medidas para a protección das mulleres en situación de maos tratos. Explicou que os asasinatos son a expresión extrema dunha lacra social que viven miles de mulleres. Chamou a atención ao Ministro sobre a necesidade de desenvolver a lei na súa integridade no ámbito educativo, e criticou a ralentización que está a padecer a normativa desde que goberna o PP.

A educación é fundamental

“Vostede Señor Ministro referiuse a aspeitos do terreo educativo, e debemos dicerlle que non se está a facer todo que se recolle na lei. Para combater a violencia machista é fundamental actuar na educación, básico para rematar co machismo e con esa ideoloxía de dominio dos homes sobre as mulleres”, sinalou a deputada nacionalista.

Subliñou as alarmantes cifras de aumento da violencia de xénero na adolescencia, “unha etapa na que este problema debería estar erradicado se se actuase con eficacia no ámbito educativo”. Asemade, alertou sobre o retroceso observado en relación ás medidas de protección das mulleres para que poidan seguer adiante coas denuncias.

Tamén demandou ao Ministro un incremento das axudas económicas para as mulleres nesta lamentábel situación, especialmente daquelas que teñen fillos ao seu cargo. E puxo de manifesto que sen independencia económica ou suficiencia económica, a estas mulleres lles resulta moi compricado saír desde círculo infernal. “O orzamento do Ministerio nos últimos anos foi moi restritivo porque se reduciron as axudas”.

Nese sentido, salientou que “aínda que vostede diga, Señor Alonso, que se incrementaron as partidas para Violencia de Xénero nos Orzamentos, a realidade é que é un 25% inferior ao do ano 2011.

Olaia Fernández Davila enfatizou a necesidade de impulsar as políticas para a Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres, subliñando que estas políticas non se poden desligar da violencia de xénero xa que “cando se avanza na igualdade de dereitos se avanzará na erradicación da violencia machista”.

Para Davila o eixe da educación é fulcral para eliminar esta lacra social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG